Coronavirus: O Congreso español suspende a súa actividade unha semana

Congreso dos Deputados [Imaxe cedida]
photo_camera Congreso dos Deputados [Imaxe cedida]

O Congreso español paraliza a súa actividade parlamentar no mínimo durante unha semana, unha medida derivada de que un deputado (o ultra Ortega Smith, de Vox), dese positivo en coronavirus. Non haberá plenos nin comisións. Todos os deputados e deputadas da formación de ultradereita e os seus equipos marcharon para casa e non participaron na xunta de portavoces, xa que estiveron en contacto con Ortega Smith nos últimos días.

Foi a ausencia do grupo parlamentar de Vox o que levou á Mesa a suspender a sesión plenaria da tarde desta terza feira, segundo explicou a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, ao final da reunión. A dirección da cámara considerou que a sesión plenaria non se celebraría coas garantías suficientes se faltase un grupo tan numeroso, xa que Vox conta con 52 deputados e deputadas.

O número de casos de coronavirus confirmados no Estado español a última hora da mañá desta terza feira é de 1.622, segundo o Ministerio de Sanidade. Do total de casos, 782 rexistráronse en Madrid, seguida de Euskadi con 195 e A Rioxa con 144. Na Galiza son 18 os casos confirmados.

Comentarios