O coronavirus confina e pecha cidades no mundo

Helsinki (Finlandia) ou a provincia de Lombardía (Italia) son poboacións que os Gobernos dos seus Estados decidiron pechar para evitar a propagación do coronavirus, ao seren grandes focos de contaxio. No Estado español, o Executivo central continúa a desbotar pechar Madrid, principal foco. 
A icónica estatua dos Three Smiths (Helsinki), con máscaras (Imaxe: Temu Salonen)
photo_camera A icónica estatua dos Three Smiths (Helsinki), con máscaras (Imaxe: Temu Salonen)

Para evitar a propagación do coronavirus en Finlandia, o Goberno dese país, presidido pola socialdemócrata Sanna Marin, anunciou o peche da capital do Estado, Helsinki, e da rexión onde se sitúa, Uusimaa, que conta cunha poboación de 1,7 millóns de habitantes (31% da poboación finesa). 

O país rexistraba esta cuarta feira, 1 de abril, 1.446 casos notificados e 17 mortes. A capital e a zona da súa contorna é o principal foco afectado de Finlandia. Marin anunciou pois a prohibición das entradas e saídas de Uusimaa e urxiu a poboación a regresar ás súas vivendas habituais para non expandir o virus.

Cando hai máis dunha semana se decretou o peche de escolas, ao igual que aconteceu no Estado español co caso de Madrid, deuse unha importante “operación saída” da capital finesa para ir ás residencia de verán. Eis un dos motivos polo que Finlandia anunciou o peche de Helsinki.  

Á outra beira do océano, nos Estados Unidos, principal foco de contaxio mundial, con máis de 189.700 casos rexistrados, o presidente Donald Trump confesou o sábado que estaba a estudar unha “corentena forzosa” para a área metropolitana de Nova Iorque, a maior zona afectada.

A medida incluiría unha restrición das viaxes fóra do foco, dixo Trump, sinalando que se están a rexistrar contaxios en estados como Florida a causa de habitantes chegados da Gran Mazá. De feito, varios estados estanse a blindar ordenando parar coches con matrícula de Nova Iorque e exixíndolles pasar unha corentena de 14 días.

A primeira en confinar un territorio foi a China. A 23 de xaneiro pechou os 11 millóns de habitantes de Wuhan, cidade onde se rexistrou o coronavirus por vez primeira. Ao pouco pechouse a provincia de Hubei, da que Wuhan é capital. Dous meses despois, a zona comezou a voltar á normalidade após rexistrarse a caída dos contaxios locais. Tamén a 28 de xaneiro Hong Kong pechou fronteiras coa China continental.

En Europa a crise comezou en Italia e a 22 de febreiro  decretouse pechar a provincia de Lombardía, o principal foco.

No Estado español o BNG e forzas vascas e catalás pediron pechar Madrid, ao ser o maior foco, e blindar zonas menos afectadas como a Galiza. Porén, desde o Executivo central continúase a desbotar esa idea e reitérase que na loita contra o coronavirus non hai territorios.

Comentarios