mércores 08.04.2020

O coronavirus accede ao 'cárcere' de Gaza

Varias crianzas con máscaras cirúrxicas, o domingo en Gaza, única rexión de Oriente Próximo onde aínda non chegara o coronavirus (Mahmoud Ajjour / APA Images)
Varias crianzas con máscaras cirúrxicas, o domingo en Gaza, única rexión de Oriente Próximo onde aínda non chegara o coronavirus (Mahmoud Ajjour / APA Images)

Gaza rexistrou no domingo os dous primeiros casos de contaxio do novo coronavirus SARSCoV-2, causante da pneumonía COVID-19. Nesta estreita faixa de terra de 375 quilómetros cadrados, encaixada entre Israel, Exipto e o Mediterráneo, amoréanse arredor de dous millóns de persoas. Galiza, que alberga case tres millóns, abarca 30.000 km2.

A situación neste enclave de Palestina illado do mundo pode levar a "un desastre de proporcións xigantescas", advertiu nas últimas horas ao respecto Matthias Schmale, o responsábel en Gaza da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA, nas siglas en inglés). Schmale comparouna co cruceiro Diamond Princess, en Xapón, onde o virus se propagou con rapidez, contaminando boa parte das 3.700 persoas a bordo.

Mais en Gaza, á densidade de poboación súmanse a pobreza e as deficientes infraestruturas sanitarias. O relator especial da ONU sobre a situación dos dereitos humanos en Palestina, Michael Lynk, advertía xa a semana pasada de que "as existencias de medicamentos esenciais son cronicamente baixas, as fontes naturais de auga potábel están en gran medida contaminadas, o sistema eléctrico proporciona enerxía esporádica e a pobreza profunda no medio de condicións socioeconómicas espantosas prevalece".

Lynk dixo, ademais, que a súa poboación "é fisicamente máis vulnerábel, con desnutrición en aumento, enfermidades non transmisíbeis mal controladas, condicións de vida e vivenda densas, unha poboación anciá sen acceso a coidados de enfermería axeitados e altas taxas de tabaquismo".

Convención de Xenebra

Neste contexto, lembrou "a obriga legal" de Israel de garantir o acceso á saúde da cidadanía de Gaza e Cisxordania ante a pandemia. Fíxoo citando o artigo 56 da Cuarta Convención de Xenebra, que fai referencia á protección debida ás persoas civís en tempos de guerra. Exixe  ─sinalou─ que, como "potencia ocupante", o Goberno israelí "garanta que todos os medios de prevención necesarios de que dispoña se utilicen para combater a propagación de enfermidades contaxiosas e epidémicas".

Así, por exemplo, durante as primeiras semanas da epidemia, denunciouse que as comunicacións do Ministerio de Saúde de Israel foran case exclusivamente en hebreo (e case nunca, en árabe), situación que se está a rectificar nos últimos días, segundo constatou o relator especial.

Israel impón desde 2007, coa axuda de Exipto, un bloqueo a Gaza, alegando que é necesario para conter Hamas. Esta organización, que goberna na faixa, é considerada como "terrorista" por Israel e por varios países occidentais como os EUA. A comunidade internacional considera o bloqueo ilegal e un castigo colectivo.

En concreto, a medida impide a entrada á faixa de materiais denominados de dobre uso (isto é, que poden ser usados para fabricar armamento), onde se inclúen compoñentes de uso sanitario.

Ademais, hai tan só un mes, Israel garantiu o acceso desde Gaza a miles de traballadoras e traballadores. Porén, tras a detención destes dous casos de coronavirus, as autoridades fecharon o paso de Erez, poñendo en suspenso o permiso de saída de Gaza de 7.000 habitantes, así como a súa fonte de ingresos.

Hamas fechou mercados e escolas xa na sexta feira. Actualmente, o paso de Rafah, con Exipto é o único contacto de Gaza co mundo, mais paradoxalmente a cidadanía da faixa pide que se feche dado o progresivo aumento de casos no país veciño, o que maior número rexistra de toda África.

comentarios