Corinna Larsen denuncia Juan Carlos I por "vixilancia ilegal"

A ex amante do rei emérito pide ser resarcida por danos e prexuízos e unha orde de afastamento para Juan Carlos I.
Corinna Larsen, nunha imaxe de 2014. (Foto: Europa Press).
photo_camera Corinna Larsen, nunha imaxe de 2014. (Foto: Europa Press).

A ex amante de Juan Carlos I, Corinna Larsen presentou unha denuncia ante o Tribunal Superior de Xustiza de Inglaterra e Gales -High Court-, contra o rei emérito e os servizos secretos españois, aos que acusa de poñela baixo "vixilancia ilegal" no Reino Unido.

Segundo adianta o diario británico Financial Times e recolle elnacional.cat Larsen presentou a demanda en decembro do ano pasado malia non pasar a disposición do tribunal até esta segunda feira, 26 de xullo.

Na demanda, Corinna Larsen acusa directamente ao rei emérito de acoso "desde o 2012 até a actualidade". tamén inclúe denuncias de ameazas e difamación ademais de "vixilancia encuberta ilegal" por parte dos axentes do servizo de intelixencia español.

Larsen pide ser resarcida por danos e prexuízos e unha orde de afastamento para Juan Carlos I. Segundo Financial Times, o equipo legal do rei emérito non presentou aínda ningunha defensa contra a demanda, pero prevé, de entrada, unha batalla sobre a xurisdición, é dicir, a capacidade do High Court de xulgar a Juan Carlos I, xa que se trata dun antigo xefe de Estado doutro país, que, ademais, non vive no Reino Unido.

O mesmo diario apunta que, aínda que o caso se centra en Juan Carlos I, non habería que descartar que afecte ao actual monarca español, Felipe VI.

Perda de ingresos

A demandante reprocha a Juan Carlos I tela acusado falsamente de roubar 65 millóns de euros, que formarían parte do polémico donativo de 100 millóns de dólares entregados en 2008 polo rei Abdullah de Arabia Saudita ao entón monarca español en exercicio.

Larsen defende que Juan Carlos deulle aqueles millóns, mais ao finalizar a relación, acusouna de roubalos e difamouna, feito que lle lle tería ocasionado unha perda de ingresos derivados do seu posto de traballo como "consultora estratéxica que traballaba con particulares de alto valor neto e con empresas líderes de todo o mundo", aclara o xornal británico.

Orde de afastamento

Ademais, Larsen pide unha orde de afastamento para Juan Carlos I e os seus axentes, de polo menos 150 metros, para impedir que se poida comunicar con ela, rastrexala ou acosala. Así mesmo, alega que o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), en particular o seu xefe, Félix Sanz Roldán, ou persoas que traballaban no seu nome ou en nome de Juan Carlos, puxérona "baixo vixilancia física que incluía investigación de vehículos e persoal, violando a súa residencia e pirateando os seus teléfonos e computadores".

Comentarios