Corinna Larsen acusa Felipe VI de autorizar ameazas e coaccións contra ela

A ex amante de Juan Carlos I falou nun programa de investigación da ETB, a televisión pública vasca.

Juan Carlos I e Corinna Larsen. (Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I e Corina Larsen (Europa Press)

Corinna Larsen, ex-amante de Juan Carlos I, acusou o rei de España, Felipe VI, da campaña de ameazas e coaccións da que dixo ser obxecto e anunciou que levará este tema á xustiza.

A empresaria, residente actualmente en Londres, respondeu por escrito ás preguntas da televisión pública vasca para un programa sobre o negocio fraudulento da monarquía.

O programa repasou o historial empresarial persoal de Juan Carlos I entrevistando principalmente a xornalistas, incluídos os que destaparon as investigacións en curso en Suíza e o xornalista de The Telegraph que revelou que Filipe VI figura como herdeiro das contas dunha das fundacións do seu pai, noticias que provocaron unha declaración da casa real española para tratar de desculparse.

Durante a emisión explicáronse as conexións do rei emérito con todos os seus negocios privados ao longo da súa vida e as investigacións sobre estes negocios realizadas polas autoridades xudiciais suízas. Tamén o papel que xogou Corinna Larsen neste tema.

A propia Larsen respondeu ás preguntas do equipo redactor. Ela denunciou que está a ser perseguida e acosada polas autoridades españolas nunha operación que considera "franquista" e confirmou que o actual rei, Felipe VI, está ao corrente de todo o que está a suceder. Segundo a ex amante do seu pai, Felipe VI pode deter estes ataques e ameazas pero non quere facelo, o que, ao seu xuízo, acabará perante os tribunais ingleses.

Finalmente, no programa da ETB xornalistas especializados desmantelan a defensa do propio Felipe VI, que quería distanciarse do negocio do seu pai, asegurando que non sabía nada diso, a pesar de que era o beneficiario dunha das empresas offshore de Juan Carlos I.

 

Comentarios