Corenta anos da República Árabe Saharauí Democrática

Foi proclamada após a saída do exército español do territorio que colonizou durante 30 anos. Tras el, a chegada de Marrocos, impide o pobo saharaui vivir na súa terra. 

Saauti
photo_camera [Imaxe Saauti]

O 27 de febreiro de 1976 o pobo saharaui proclamou a súa República amparándose no dereito internacional que recoñece a autodeterminación dos pobos como un elemento chave dos dereitos humanos. 

En 1967 a ONU insta o Estado español a "acelerar o proceso de descolonización" e a convocar o referendo de autodeterminación no Sáhara

Fíxoo cando o último soldado do colonial exército español abandonaba o territorio após trinta anos de ocupación --primeiro como parte da África Occidental Española (1946-1958), logo como Sáhara español (1958-1976). Porén, as reclamacións de independencia xa chegaran ás Nacións Unidas nove anos antes, en decembro de 1967, cando a organización internacional instou a potencia administradora, o Estado español, a "acelerar o proceso de descolonización" recoñecendo o dereito do Sáhara a convocar, xa daquela, un referendo  de libre determinación. Facíao no marco dun conflito que chega até a actualidade e que implica directamente a Marrocos e tamén a Mauritania. 

A Marcha Verde e o Muro da Vergoña

E é que un ano antes de ser proclamada a República árabe saharaui democrática (RASD) o 6 de novembro de 1975, Hassan II, rei de Marrocos, inicia un proceso de ocupación sobre o territorio sahariano, a coñecida como Marcha Verde. Marrocos reclama para si unha parte das terras e malia o rexeitamento das Nacións Unidas, contou co apoio --e inspiración-- dos EUA, de Franza e con fondos saudíes. O goberno español ordenou recuar o exército e abandonar a colonia incumprindo o acordo adoptado a instancias da ONU que obrigaba a recoñecer o dereito de autodeterminación do pobo saharaui e a convocar o referendo.

EUA, Franza e Arabia Saudita apoiaron a ocupación marroquí sobre o Sáhara 

Tras a saída española o Frente Polisario proclama a RASD na que até hoxe é considerada a capital Bir Lehlu e inicia unha resistencia armada contra Marrocos e Mauritania. Este último, en 1979, renunciou a parte do territorio froito da presión armada do Polisario. Porén, sería, de novo, anexionado por Marrocos de maneira unilateral. Aliás, construiría entre 1980 e 1987 un muro --no concreto un conxunto de oito-- de case 3 mil quilómetros que separa os territorios ocupados do 35% do Sáhara Occidental controlado polo Frente Polisario impedindo de facto que as persoas refuxiadas --expulsas durante a Marcha Verde das súas terras-- poidan volver, ao tempo que explota os recursos económicos do pobo saharaui. 

Un referendo que non chega

Após anos de loita armada en 1991 declárase un cesamento ao fogo baixo a condición de dar cumprimento ao acordo das Nacións Unidas de convocar un referendo de autodeterminación. Neste senso, a ONU crea unha misión especial cuxo obxectivo é, desde aquela, a elaboración dun censo de votación. O Polisario inicia unha reivindicación pacífica do dereito de autodeterminación mais, 15 anos despois, aínda non se deu cumprimento ás obrigas internacionais.

As persoas refuxiadas moran nos campamentos do Tinduf, en pleno deserto

Entretanto, as persoas refuxiadas continúan nos campamentos do Tinduf e as violacións de dereitos humanos por parte de Marrocos son constantes. Detencións, desaparicións e condenas por parte de tribunais militares atinxen o pobo sahariano, como relatou en conversa con Sermos Galiza o activista Hassanna Aalia, exiliado en Euskal Herria e condenado a cadea perpetua no proceso de Gdeim Izik. 

Solidariedade galega

Con motivo do 40 aniversario da Proclamación da RASD a asociación Solidariedade galega co pobo saharaui (Sogaps) realizou unha concentración en Compostela ás 11.00h na Praza de Praterías. Aliás, corporacións municipais de todo o país ondean a bandeira da RASD como símbolo de recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo saharaui. No concreto: As Pontes, As Neves, Vigo, Compostela, Barreiros, Cervo, Ourol, Ribadeo, Viveiro, Ponteareas, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Pontevedra, Ferrol, Narón, San Sadurniño, Fene, Mugardos, Ares, A Coruña, Oleiros, Sada, Lalín, Muros, Viana do Bolo,  Gondomar, A Mezquita, Cangas, Moaña, Bueu, Salceda, Lugo, Rianxo, Ribadumia, Pontecesures, Monterroso, Vilalba, Silleda, Sarria, Redondela, Brión, A Estrada, Cuntis, A Rúa, Manzaneda, Valdoviño, Samos, Muros, Rodeiro, Vila de Cruces, Ourense, Tui, Tomiño, Agolada, Padrón, Mos, Deputación de Lugo. Para alén das organizacións, BNG, CIG, CC.OO e a Xunta de Galiza - Cooperación. 

De maneira parella, Sogaps está a presentar mocións perante as administracións locais nas que reclama a aprobación dunha declaración institucional na que amosar "o firme compromiso co pobo saharaui", o recoñecemento da RASD e do dereito de autodeterminación así como reclamar ao Estado español o estatus diplomático do Frente Polisario como "único e lexítimo representante" do pobo saharaui. 

Comentarios