Corea do Sul responde ao mísil de Pyongyang con lanzamentos de bombas perto da fronteira

Aumenta a tensión na península coreana. Apenas unhas horas após de Pyongyang lanzar un mísil sobre o espazo aéreo xaponés, Corea do Sul respondeu coa detonación de bombas perto da fronteira, o paralelo 38 norte que separa os dous territorios que asinaron o armisticio (non un tratado de paz) en 1953.

Screen Shot 2017-08-29 at 13.21.32
photo_camera O Exército xaponés a despregar as súas baterias anti-míseis

O lanzamento de oito bombas MK8, xunto á fronteira con Corea do Norte, é a resposta de Seúl á demostración de poderío militar feita por Pyongyang ao enviar un mísil con capacidade para sobrevoar o Xapón.

A información avanzouna a CNN. A acción, decidida polo presidente sul-coreano Moon Jae-in, envolveu a participación de 4 cazas F15. O chefe de imprensa de Jae-Nin revelou que a detonación das bombas foi acordada por Seúl xusto despois de se coñecer que o Consello de Seguranza de Nacións Unidas se reuniría para avaliar posíbeis sancións a Pyongyang.

Corea do Sul ten realizado nos últimos tempos manobras militares cos EUA. Precisamente o cesamento desas demostracións armamentísticas conxuntas ten sido demandado por Rusia e China como contrapartida da paralización do programa nuclear nor-coreano. A distensión na península debe vir de acenos quer do norte quer do sur e do seu poderoso amigo americano, defenden Moscova e Beijing. Quer Seúl quer Washington se teñen negado a cancelar os ensaios bélicos que Rusia cualifica como "xogos de guerra".

Por súa parte, segundo informa Russia Today, Xapón ten despregado as súas baterías defensivas anti-míseis en previsión de novos ataques, sinal de que Tokio, a diferenza do feito neste último episodio, si tentaría destruír no ar un eventual novo mísil lanzado por Pyongyang.

Comentarios