May pon en xogo o seu futuro político

Corbyn pide eleccións anticipadas se Westminster rexeita o acordo do Brexit

A terza feira, o Parlamento británico submeterá a votación o acordo alcanzado por Downing Street con Bruxelas sobre a saída do Reino Unido da Unión Europea, axendada para marzo de 2019. A primeira ministra, a conservadora Theresa May, podería sufrir unha derrota histórica. Un nutrido grupo do Conservative Party pon a proa ao pacto de Londres coa Comisión Europea.

corbyn
photo_camera corbyn

Jeremy Corbyn, o líder laborista, está estes días en Lisboa, onde participa na cimeira do Partido Socialista Europeo, formación que vai aprobar na capital portuguesa o manifesto co que as distintas organizacións socialdemócratas van concorrer ás eleccións ao europarlamento do próximo mes de maio.

En Portugal Corbyn, en declaracións á imprensa, afirmou que o Reino Unido debe ir a eleccións anticipadas se a próxima terza feira Westminster rexeita o acordo de May coa Comisión Europea.

Teno ben difícil a primeira ministra, pois xa teñen anunciado o voto en contra o Partido Laborista, o Partido LIberal Demócrata (antigo socio de coligación de goberno dos conservadores), o Scottish National Party, o galés Plaid Cymru, os unionistas da Irlanda do Norte do DUP e un nutrido grupo de parlamentares do propio Conservative Party.

"Se o acordo for derrotado, o Goberno terá perdido a maioría no tema máis importante que o país enfrenta e terá perdido a capacidade de gobernar. Nese caso o mellor é deixar o país decidir o camiño a seguir e a mellor equipa para o facer. Iso significa eleccións", dixo Corbyn, a quen os inquéritos lle conceden significativas opcións de relevar Theresa May como inquilino de Downing Street.

Se finalmente non se anticipar as eleccións —esas só se producirían se perdese unha moción de censura e o Conservative Party fracasase no seu intento de formar novo goberno— Corbyn entende que se poderían dar as condicións para ir a un novo referendo arredor do Brexit.

Comentarios