Corbyn inclínase por un segundo referendo sobre o Brexit após o mal resultado laborista nas europeas

O Labour Party mantén unha posición moi ambigua sobre a saída do Reino Unido da UE. Nun contexto moi polarizado, a equidistancia cotiza á baixa, e o 26M o partido capitaneado por Corbyn ficou na terceira praza, claramente superado polo Brexit Party de Farage e os Lib Dem, quen xuntamente cos Verdes lideran os segmentos da sociedade británica partidarios de ficar na Unión.

Corbyn
photo_camera Jeremy Corbyn

De acordo con varios estudos de opinión, a maior parte do electorado laborista —por volta do 60 por cento— é favorábel á permanencia do Reino Unido na UE. Mais até agora Corbyn non quixo desairar o 40 por cento restante das bases do seu partido que si militan a prol do Brexit.

A leitura máis común dos resultados das eleccións do pasado domingo é que o eleitorado non está por fórmulas mixtas e as formacións premiadas son aquelas que claramente toman partido: o Brexit Party de Nigel Farage e os europeístas Lib Dem e os Greens.

Aínda que o BP foi con moito a forza máis votada (5,2 millóns de sufraxios), unha análise máis polo miúdo permite ver que os remainers (partidarios de remain, isto é, de permanecer na UE) superaron en número nas eleccións europeas —marcadas, iso si, por unha discreta participación— as e os brexiters. Destarte, os Lib Dem conseguiron 3,4 millóns de votos, en tanto que os verdes se fixeron con 2,2. Total: 200 mil apoios conxuntos máis que os obtidos pola marca liderada por Farage.

Aos 5,6 millóns sumados por Lib Dem e Verdes habería, aliás, que lle sumar os votos das formacións nacionalistas SNP, Plaid Cymru e Sinn Fein, contrarios á saída da UE.

Nese contexto as fomacións tradicionais ficaron varridas: o misérrimo 14,4% do voto do Labour Party até foi empiorado polo escuálido 9,1% conseguido polo partido que aínda mantén as chaves de Downing Street, a residencia que en breve abandonará a demisionaria Theresa May.

O Partido Laborista, favorito para gañar as próximas eleccións xerais, tomou boa nota dos resultados e apenas demorou 24 horas en mudar de rumo. A opción é a de, sen abandonar inteiramente a ambigüidade, posicionarse si a prol dun novo referendo sobre o Brexit. Así o deixou claro o seu ministro de Economía na sombra, John DcDonell, mascarón de proa da ala máis esquerda do partido e dirixente con enorme influencia sobre Corbyn. "Devolver o asunto [a decisión sobre o Brexit] ao pobo nun referendo" é o que cabe facer para "unir o partido e o país", dixo.

Comentarios