Corbyn arranca como favorito na votación interna para decidir a lideranza do Partido Laborista

Desafiado polo groso do seu grupo parlamentar, o veterano líder socialdemócrata retén o apoio decisivo das trade unions, o poder sindical dentro do Partido Laborista.

corbyn
photo_camera corbyn

A votación interna para resolver se Jeremy Corbyn retén ou non a lideranza do Partido Laborista comeza esta segunda feira, nun proceso que se irá completando até o próximo 21 de setembro.

Corbyn enfróntase a Owen Smith, un parlamentar de 46 anos que nos últimos días está a prodigar os acenos aos sectores máis esquerdistas do partido para socavar os apoios que neles ten o actual líder do partido.

Porén, todo indica que Corbyn non só mantería o respaldo das trade unions, senón tamén o da grande maioría de novos continxentes de afiliadas e afiliados a un partido que desde febreiro de 2015 experimentou un considerábel incremento da súa militancia (pasou duns 200 mil a uns 540 mil).

O facto de a militancia laborista estar á esquerda de boa parte das suas elites dirixentes -saudosas da época Blair- garantiría a vitoria de Corbyn, de acordo coa maioría dos analistas

A oposición a Corbyn sitúase no grupo parlamentar laborista (o 80% do cal votou no seu día contra a continuidade do líder) e en xeral nas elites do partido, tal e como puxo de relevo nos últimos días o alcalde de Londres, Sadiq Khan, o primeiro musulmán en alcanzar o cargo, quen bateu contra o veterano político de 67 anos ao que reputou incapacidade para gañar o "respeito e a confianza do pobo británico".

En xeral, Corbyn soporta críticas por se afastar en exceso dos caladoiros centristas (o que, segundo os seus detractores, inviabilizaría unha alternativa laborista á hexemonía conservadora) e por ter sido excesivamente tépedo na defensa da permanencia do Reino Unido na UE no recente referendo que se saldou co triunfo do Brexit.

En todo caso, o facto de a militancia laborista estar á esquerda de boa parte das suas elites dirixentes -saudosas da época Blair- garantiría a vitoria de Corbyn, de acordo coa maioría dos analistas.

O resultado desta votación interna vaise coñecer o 24 de setembro no curso dun congreso extraordinario do partido que vai ter lugar en Liverpool.

Comentarios