O copiloto de Germanwings buscou información sobre suicidios un día antes da traxedia

Os investigadores encontraron a segunda caixa negra do avión e contan xa con 150 mostras de ADN para confirmar a identidade das 150 vítimas.

Lubitz (Foto: Facebook)
photo_camera Lubitz (Foto: Facebook)

 

Novos datos reforzan a teoría do suicido de Andreas Lubitz, o copiloto acusado de estrelar o avión de Germanwings nos Alpes. A Fiscalía alemá revelou que Lubitz buscou información sobre suicidios e sobre o funcionamento da porta de seguridade da cabina entre o 16 e 23 de marzo, un día antes da traxedia na que morreron 150 persoas. 

O material foi descuberto nunha tableta durante o rexistro do seu domicilio. A Fiscalía informou tamén de que o copiloto temía perder a súa licencia debido a problemas sanitarios, polo que visitou entre cinco e seis médicos. 

Lubitz tamén buscou datos sobre o funcionamento da porta de seguridade da cabina

O outro gran avance na investigación foi a aparición da segunda caixa negra do voo 9525 de Germanwings, segundo informou o fiscal francés en Marsella, Brice Robin. Polo momento descoñécese o seu contido, que serviría para descartar definitivamente un posible fallo técnico como causa da caída do avión.

Ademais, a Policía gala conseguiu reunir xa 150 mostras de ADN no lugar do accidente e agardan confirmar a identidade das vítimas nos vindeiros días.   

 

Comentarios