O coordinador do operativo policial imposto polo Estado en Catalunya foi xulgado por torturas

O coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, imposto polo Ministerio do Interior para coordinar o operativo policial en Catalunya para impedir que teña lugar o referendo do 1 de outubro, fora xulgado por torturas ao preso vasco Kepa Urra.

[Imaxe: Ministerio do Interior] Diego Pérez de los Cobos
photo_camera [Imaxe: Ministerio do Interior] Diego Pérez de los Cobos

Na mañá do sábado coñeciamos que o Ministerio do Interior impuña a Diego Pérez de los Cobos, coronel da Garda Civil e alto cargo da carteira da que é responsábel Juan Ignacio Zoido, como coordinador do operativo policial en Catalunya. O obxectivo: impedir o referendo do 1-O.

Quen é Diego Pérez de los Cobos? Este coronel foi xulgado por torturas contra Kepa Urra, detido en xaneiro de 1992 acusado de pertencer á ETA. Durante o xuízo, que tivo lugar en 1997, tres gardas civís foron condenados con penas de até doce anos e seis meses de prisión por “trasladar o detido a un descampado, onde, esposado, espírono, golpeárono cun obxecto e arrastrárono polo chan”, segundo lembra Naiz. En 1999, o primeiro Goberno de Aznar indultou os tres.

O coronel que o Goberno de Mariano Rajoy puxo á fronte do operativo policial en Catalunya –tratando de anular as competencias dos Mossos d’Esquadra- ficou exonerado dos feitos. Urra denunciara que o maltratara durante a súa estancia no hospital ao lle tapar o nariz e a boca mediante beliscos.

No libro Oso latza izan da. A tortura en Euskal Herria, de Julen Arzuaga, afírmase que Urra fora hospitalizado en Basurto ás poucas horas de ser arrestado nun piso de Basauri. O médico forense que o atendeu nas dependencias da Garda Civil constatara que tiña diversos hematomas nos ollos, equimose no pescozo e erosións nos pulsos, amais dun arritmia cardíaca. Sinalara ademais que estaba inconsciente e presentaba manchas recentes de sangue nas fosas nasais, boca e farinxe, así como lesións internas que danaban a función renal.

Por outra banda, Diego Pérez de los Cobos é irmán de Francisco Pérez de los Cobos, ex presidente do Tribunal Constitucional asinante de varias decisións contra o procés independentista.

O major dos Mossos, en contra

O major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, que na reunión que tivo lugar na quinta feira xa advertira de que non aceptaría que o corpo policial catalán fose tutelado polo Ministerio do Interior, trasladoulles aos axentes unha nota informativa onde explica que lle fixo chegar ao fiscal superior de Catalunya que o corpo seguirá dando cumprimento ás súas ordes, mais que non comparte que os Mossos sexan ordenados e tutelados por un órgano de depende do Goberno central.

Nun chío recollido na conta oficial dos Mossos en Twitter, os axentes cataláns aseguraban que seguirían traballando nos seus cometidos, como até o de agora, "continuaremos traballando como até o de agora: exercendo as nosas competencias para garantir a seguridade e a orde pública e estar ao servizo do cidadán".

Comentarios