Após México, novo revés para as forzas neoliberais

O contundente triunfo peronista nas primarias preanuncia a derrota de Macri en outubro

O peronismo sempre volta en Arxentina. Nunca o dean por derrotado. Acaba de voltar a ocorrer: nas eleccións primarias deste domingo 11A, o dueto Alberto Fernández-Cristina Fernández de Kirchner venceu con inusitada contundencia a candidatura do actual presidente, o neoliberal Macri. O taboleiro de marcas —47% face 32%—preanuncia o retorno do kirchnerismo nas presidenciais de outubro.
ticket ganhador
photo_camera Imaxe do dueto peronista nun acto de masas

Unha eventual derrota de Macri, máis que probábel a teor dos resultados dunhas primarias que na práctica funcionan como a primeira volta das presidenciais de outubro, confirmaría a tendencia apuntada nas eleccións mexicanas: voltan os ventos progresistas a América Latina e comezan a albiscarse signos de esgotamento no campo neoliberal.

A desastrosa situación da economía, que golpea con forza os sectores populares, está detrás da inapelábel, e sorprente polo avultado do resultado, derrota do macrismo.

Mais, que son as primarias? Son o proceso en virtude do cal as e os eleitores (e non as e os militantes) seleccionan as candidaturas dos partidos. Cunha particularidade que as torna nunha sorte de macroinquérito que cobre todo o censo nacional: nelas o voto é obrigatorio. Neste caso, a aproximación do test aos resultados de outubro é cuase total, pois quer no campo do macrismo quer no do peronismo só se apresentaron como candidatos os oficiais. O corpo electoral puido, pois, mostrar con absoluta precisión cales son as súas preferencias para as presidenciais. E aí as noticias son tan más para Macri que o ticket Alberto Fernández-Cristina Fernández até podería conseguir en outubro a vitoria en primeira volta se repetiren os resultados (co 45% dos votos, segundo a lei electoral arxentina, a lista gañadora obtén automaticamente a presidencia da República).

Mais, que son as primarias? Son o proceso en virtude do cal as e os eleitores (e non as e os militantes) seleccionan as candidaturas dos partidos

Nunha primeira valoración dos resultados, Cristina Fernández de Kirchner —o emblema número un da campaña peronista, embora non ser ela a candidata presidencial—interpretou así o veredito das primarias: "Moitas arxentinas comprenderon que as cousas deben mudar. Así como estamos non estamos a vivir ben. En grande parte, as arxentinas e os arxentinos deixamos de ser felices. Son demasiadas as dificuldades e as tensións que enfrontamos".

Na súa alocución perante unha multitude congregada en Bos Aires diante dos cuarteis xenerais da coalición Frente de Todos —abigarrada plataforma en que se acha desde o Partido Justicialista até os restos do Partido Comunista—, Alberto Fernández, presidente virtual da Arxentina após estes resultados, afirmou emocionado que coa súa victoria deste 11A "as arxentinas e os arxentinos comezamos a construír outra historia".

Cal foi a clave do triunfo peronista? A xuízo de Fernández, que o electorado partillou o discurso da Frente de Todos: apoio ao ensino público en contraste cos recortes macristas, derrogación da reforma laboral, respaldo á pequena e mediana empresa e restitución dos dereitos das persoas pensionistas. "Entenderon [as electoras] que na Arxentina imos construír un país distinto, un país onde o sistema federal [o goberno central] funcione, onde todos teñan a posibilidade de medrar e desenvolverse no lugar en que naceron. Arxentina vai ter un lugar onde gobernen 24 gobernadores cun presidente", dixo este profesor de Dereito Penal da Universidade de Bos Aires nado en 1959.

A derrogación da reforma laboral e a restitución dos dereitos das persoas pensionistas, no corazón da proposta da Frente de Todos

"Non vimos aquí para restaurar un réxime", dixo para escorrentar os temores de segmentos do electorado progresista non declaramente peronistas. "Vimos para criar unha nova Arxentina, que tome en conta as mellores experiencias, que poña fin a este tempo de mentiras e lle dea aos arxentinos un horizonte de futuro", dixo. "Na Arxentina de hoxe rematou o conceito de vinganza e de calquera cousa que nos divida", arengou.

Por súa parte, o rostro de Macri, o candidato favorito dos mercados, era o da derrota. Tentou transmitir a idea de que a remontada é posíbel, mais a diferenza é tan brutal que ninguén na candidatura Juntos por el Cambio acredita que sexa posíbel. Macri, enfadado co mundo, mostrou a súa irritación por que as empresas demoscópicas se empeñasen até o último minuto en dar a entender que había partido por xogar. Os resultados revelan que non: mesmo na provincia de Buenos Aires, María Eugenia Vidal, a candidata macrista, un dos maiores activos do campo neoliberal, foi varrida polo ex ministro de Economía, o carismático Áxel Kicillof, quen ficou á beira de 50% dos sufraxios fronte a 32% da súa rival.

Comentarios