Continúan as protestas na India contra a reforma agraria

Exixen a retirada das novas leis agrícolas do Goberno do primeiro ministro Narendra Modi.
Tractorada en Nova Deli.(@ramande29421592)
photo_camera Tractorada en Nova Deli.(Foto: @ramande29421592)

A India vive, desde hai dous meses, mergullada en intensas protestas do campesiñado contrario ás novas leis agrícolas do Goberno do primeiro ministro Narendra Modi.

Os últimos días, coa celebración o pasado 26 de xaneiro do Día da República, aumentaron os incidentes con violentos enfrontamentos entre forzas policiais e manifestantes malia que nun principio as mobilizacións comezaran de maneira pacífica. 

A concentración maior de agricultores desde o inicio do conflio ten lugar fóra da capital cun campamento improvisado.

Os incidentes tiveron lugar cando agricultoras e agricultores tentaron acceder cos seus tractores á zona vella da capital, afastándose da ruta permitida polas autoridades.

As queixas das e dos manifestantes apuntan cara as leis creadas polo Goberno indio que consideran "anticampesiñas" por liberalizar o sector e favorecer aos grandes compradores privados a expensas dos produtores. Con esta norma os produtores deben negociar os prezos coas empresas dentro da cadea de distribución. 

Noutras das zonas, Baghpath, as protestas chegaron ao seu fin e desde a veciñanza alegaron que a policía empregou a forza para evitar as protestas. Mentres, desde a policía afirmouse que a mobilización se resolveu mediante deliberacións e os agricultores que protestaban foron enviados "de maneira pacífica" a casa a cuarta feira pola noite

Protestas da oposición

Os líderes de 16 partidos da oposición dixeron que boicotearán o discurso do presidente a ambas as dúas Cámaras do Parlamento sobre as leis agrícolas. Mentres tanto, os agricultores mantivéronse firmes asegurando que os incidentes foron consecuencia de elementos "antisociais" que orquestraron a violencia o día da República. 

Comentarios