Conte podería encabezar de novo o Executivo italiano tras hoxe dimitir

Ademais de recorrer de novo Conte, a outra opción con máis posibilidades sería a formación dun Goberno tecnócrata, como en 2011 con Mario Monti. De non haber acordo, Italia veríase abocada a convocar eleccións anticipadas, algo que arela Matteo Salvini, líder da ultradereitista Liga, que encabeza as sondaxes.

EuropaPress_3534800_26_january_2021_italy_rome_italian_prime_minister_giuseppe_conte_leaves_the
photo_camera O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, tras comunicar a renuncia ao presidente da República, Sergio Mattarella (Cecilia Fabiano / LaPresse)

O primeiro ministro de Italia, Giuseppe Conte, presentou hoxe a súa dimisión ante o presidente do país, Sergio Mattarella, que segundo informou La Repubblica manterá mañá pola tarde contactos cos distintos partidos políticos para decidir o camiño a seguir.

Conte, que seguirá en funcións até se aclarar o escenario político, xa adiantara que dimitiría ao termo do Consello de Ministros desenvolvido hoxe cedo pola mañá. 

Tanto o Movemento 5 Estrelas (M5S) como o Partido Democrático (PD) deixaron claro que son partidarios dun "Conte ter", como se coñece na prensa do país o que sería o terceiro gabinete liderado polo xurista e profesor. O líder do PD, Nicola Zingaretti, reiterou a súa lealdade a Conte para que lidere "un Goberno claramente europeísta e sostido por unha ampla base parlamentaria, que garanta credibilidade e estabilidade para afrontar os grandes retos aos que se enfronta Italia".

Tamén o ministro de Exteriores, Luigi Di Maio, do M5S, avogou por un "Goberno sólido" arredor de Conte, para responder a retos abertos como o "bloqueo" na distribución das vacinas da Covid. 

Crise no seo do Goberno

O detonante da crise foi a división no seo da coalición, en particular despois das discrepancias en torno ao destino dos fondos de recuperación europeos expresadas polo ex primeiro ministro e líder de Italia Viva, Matteo Renzi.

Ademais de recorrer de novo Conte, a outra opción con máis posibilidades sería a formación dun Goberno tecnócrata, como en 2011 con Mario Monti. De non haber acordo, Italia veríase abocada a convocar eleccións anticipadas, algo que arela Matteo Salvini, líder da ultradereitista Liga, que encabeza as sondaxes.

E o líder da conservadora Forza Italia, Silvio Berlusconi, propuxo un Goberno de "unidade nacional".

Comentarios