CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA

Contar a feira como che vai nela. Debates e desembarcos

Albiol leva razón. O mesmo é cousa da idade, xa que onte mesmo celebraba os seus 50 anos na primeira visita de Rajoy en rexistro mitinero. O caso é que no comezo dos debates televisivos de campaña (TVE-24 Horas) dixo algo ben sensato, que hai que falar coa xente: cos taxistas, cos directores dos hoteis e cos propietarios dos restaurantes. Iso si, baixou ao rexistro “cidadá”, ao “ti a ti” cando a exposición dos datos macroeconómicos por parte do candidato de ERC Roger Torrent desmentiron a “Cataluña desolada e dantesca na que vive instalado” e na que pretenden fiquemos instalados todos e todas os que non vivimos en primeira persoa o procés.

IMG-20171209-WA0009
photo_camera A carpa laranxa de Ciudadanos no centro de Barcelona [Foto R.R.]

O líder popular virou o discurso. Pero claro, isto é como iso tan galego de preguntar que tal na feira? Pois segundo como che fora nela. E as testemuñas que expuxo, pois foron as del e así non coa. Ou si, porque até o momento eu, no mínimo, sempre crin que os patróns de España eran Santiago Apóstol e a Virxe do Pilar, e agora resulta que non, que é a Inmaculada –a festividade que se celebra o 8 de Decembro- cando menos segundo un chío do PP de Lleida no que agradecía case entre bágoas que Rajoy tivese a ben compartir con eles tal onomástica.

Tamén María Dolores de Cospedal se achegou a Catalunya para conmemorar o que imaxino é a virxe preñada, porque Inmaculada, si, pero o apelido é Concepción. Presidiu os actos da Arma de Infantería no cuartel do Bruc, en Barcelona, que a reclaman como a súa patrona. Así que, unha de dúas, ou esta virxe está pluriempregada ou o PP xa chegou ao punto de asimilar que España é o Exército.

IMG-20171209-WA0010Asimilouno xa ou é un aviso a navegantes: ou gañamos nós ou haberá 155 para un bon anaco. Polo de pronto, cómpre lembrar que os líderes constitucionalistas teñen un reforzo policial de seguridade de 50 efectivos, aos que hai que sumar un reforzo a maiores para o desembarco de paracaidistas dos voceiros estatais deses partidos, que comezou esta sexta feira con Rajoy e se prolongará até a segunda con Pablo Iglesias. Claro que, ao ser equidistante, non sei moi ben cómo se vai resolver o da súa seguridade.

Os líderes constitucionalistas teñen un reforzo policial de seguridade de 50 efectivos, aos que hai que sumar un reforzo a maiores para o desembarco de paracaidistas dos voceiros estatais deses partidos

 

Mucha, mucha, policía…

Para gustos, cores, pero dúas lecheras para o acto de inauguración dunha carpa galáctica informativa de Ciudadanos, con presenza de Inés Arrimadas, semella algo excesivo, malia que estea no centro neurálxico da cidade; sobre todo cando había máis xornalistas que parroquia e o encontronazo máis serio e desagradábel non foi a posta en escea dun suposto espontánea que berrou: Fascista, ao que acto seguido, outro suposto espontáneo lle respostou: Viva España. O momento máis tenso e desagradábel deuse entre compañeiros de profesión, cando un lle espetou a outro: “E a ti quen che paga”, un flipe de comentario que obtivo como resposta: “E a todos estes?”, en alusión á nube de gravadoras que tentabamos facernos un oco para xustificar que estabamos alí.

Ir, ver… e pirar. Apagados os focos, nin siquera nas terrazas máis próximas comentaron res. A xente, seguindo o consello de Albiol, falaba, pero das súas cousas, que pouco o nada tiñan a ver nin coa carpa laranxa nin cos 45.000 paisanos que, segundo El País, pasearon o seu “odio” por Bruxelas. 

IMG-20171209-WA0008Conste que camiño de volta fixen un último esforzo por facerlle caso ao líder de Badalona,  mais dou fe de que calquera cunha visión nídia chegaría á mesma conclusión e se daría de conta de que, sen reserva, só unha miragre faría que atopases mesa para cear. Un par de chamadas e eu tampouco contaría con poder pasar uns días desta finde nin da seguinte en Cadaqués sen previo aviso. Non sei, o mesmo é que Albiol fala coa xente equivocada ou “interesada” e de aí que non cadren os seus datos, nin as imaxes sen xente que teiman en amosar determinados medios de comunicación, coa realidade non só das cifras, senón tamén da visión dalgúen que xa debe usar gafas pero tenas ben graduadas.

Símbolos

Para os/as que non son daltónicos de seguro que tamén está chamando a atención algo que no debate xa non houbo forma de disimular, ao existir foto de todos xuntos: o lazo amarelo. Un símbolo que neste contexto de excepcionalidade conta máis que nunca e comunica máis que horas de mitin e/ou debate programático. Cecais os/as asesores non o estean tendo moi en conta ou, simplemente, si o teñen pero entón se están a equivocar, porque ese elemento vai máis alá de definirte nun bloque ou noutro. A aplicación do 155 e que aínda continúen candidatos en prisión é outra cousa, é un ataque ao corazón mesmo da democracia o do estado de dereito. E se realmente es demócrata, non chega con que proclames o teu rexeitamento a esas medidas en declaración ante os medios, debes escenificalo para que resulte críbel, un compromiso firme. Obviamente non me sorprende a ausencia da insignia en Arrimadas, nin en Iceta, nin siquera en Carles Riera, da CUP, que no debate ben se lle vía que a americana debía ser de prestado e de aí a solapa baleira, pero Domènech

A xente falaba, pero das súas cousas, que pouco o nada tiñan a ver nin coa carpa laranxa nin cos 45.000 paisanos que, segundo El País, pasearon o seu “odio” por Bruxelas

É certo que o mesmo non chegou a lucir nunca de amarelo, salvo nas palabras e semella que estas, inclusive, xa as levou o vento e a este titular remítome: “O cidadán pode exercer a desobediencia civil, as institucións non”. What???? Logo os Comúns non viñeron a desparasitar as institucións? A desacralizalas? Acaso a nova política e o rupturismo só consistía en xestos como as rastas, non levar garavata, bicarse na boca no estrado ou dar de mamar no escano? 

IMG-20171209-WA0006A ver se a segunda feira saímos de dúbidas, coa chegada de Pablo Iglesias. Este sábado temos Pedro Sánchez. Ningún dos dous ten previsto deixarse ver moito por estes lares, algo que chama especialmente a atención cando son precisamente as candidaturas cuxa “bandeira” é a da “normalidade” e a de falar do que preocupa por igual a un catalán e a un canario. Os/as todólogos din que é estratéxico para focalizar a atención no candidato, estratexia demandada e acordada dende as equipas estatal e catalana. Tendo en conta que as enquisas, tanto as da rúa como as dos centros demoscópicos non son moi favorables ás súas causas, soa máis a un: “Suícidate, pero non me salpiques” porque, ao cabo, tanto Sánchez como Iglesias teñen que lidar o seu propio pulso hexemónico no Estado.

Logo os Comúns non viñeron a desparasitar as institucións? A desacralizalas?

E pouco máis, polo de agora: Fun, Fun, Fun e o de sempre de todos os comicios, de aquí e de acolá: recitais autómatas de programas ou medidas intercambiábeis; reparto de polvoróns e propaganda, que para algo estamos nas datas nas que estamos; baños de masas onde hai masas, é dicir, cataláns e -oh wait, turistas tamén- na famosa fira de nadal nos arredores da catedral; onde debo dicir que vin unha Andrea Levy moi desmellorada, iso ou que estou máis afeita a vela en declaracións dende Madrid e aqueles aires hai que recoñecer que son mellores para o volume do pelo, por exemplo. Mesmo o desembarco dos paracaidistas Vips dos partidos en sábado ou domingo é parte tamén deste ritual chamado a festa da democracia. 

Bruxelas

Ah, que se non digo nada de Bruxelas? O rigor impídeme que fale moito, non só porque a manifestación xa fique algo atrás no tempo, senón porque non estiven nela e porque a meirande parte desas 45.000 persoas que desbordaron as rúas de amarelo aínda non están de volta para poder escoitar as súas testemuñas de corpo presente. Aproveitaron a ponte e a escapada para coñecer algo máis Europa. Unha decisión que seica non foi moi do gosto de La Sexta, en xeral, ou de Gonzo, en particular, e de aí a pregunta supostamente con inxenio de: “Sodes conscientes de que podedes estar aquí e quedarvos uns días precisamente grazas á Constitución que denostades? Que digo eu que tamén podía ter feito a mesma pregunta pero facendo referencia á Virxe, pois tamén é bastante contradictorio ese festivo tendo en conta que somos un estado aconfesional.

Non sei, o mesmo son eu, que estou algo susceptíbel e xa vexo todo coas gafas esteladas. Vós diredes, aínda que vos xuro que eu só pasaba por aquí. To be continued.

Fotografías (todas da autoría de R.R.).

1.-A carpa laranxa de Ciudadanos no centro de Barcelona 

2.-Un almorzo aderezado cun folleto informativo de Puigdemont.

3.-Vista do interior da carpa de Cs.

4.-Arrimadas atende os meios.

Comentarios