Conta atrás para os orzamentos do Estado

O Consello de Ministras e Ministros prevé aprobar na terza, 27 de outubro, o proxecto de contas públicas, aínda que a negativa do PSOE a regular os prezos dos alugueiros dificulta o acordo con Podemos no seo do Goberno. 
A negativa do PSOE a regular os prezos dos alugueiros dificulta o acordo con Podemos para aprobar os orzamentos no seo do Goberno (E. Parra / Europa Press)
photo_camera A negativa do PSOE a regular os prezos dos alugueiros dificulta o acordo con Podemos para aprobar os orzamentos no seo do Goberno (E. Parra / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros ten previsto dar luz verde na terza feira, 27 de outubro, ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2021, segundo anunciou o presidente Pedro Sánchez. Con todo, desde Unidas Podemos puxeron dúbidas sobre isto, sinalando que na tarde de onte aínda non había acordo co PSOE para incluír nas contas a regulación dos prezos dos alugueiros, tema fulcral para UP. 

Coa aprobación no Consello Ministerial das contas, a titular de Facenda do Executivo español, María Jesús Montero, terá que facer entrega do proxecto de lei de Orzamentos á presidenta do Congreso, Meritxel Batet. Após os cargos do Goberno exporen as contas na Cámara Baixa, os grupos parlamentares deberán decidir se presentan ou non emendas á totalidade, pedindo así a devolución do proxecto ao Goberno.

Os últimos Orzamentos presentados (os de 2019) non pasaron ese primeiro cribado das emendas á totalidade, caendo así aquel proxecto de contas que PSOE e Unidas Podemos pactaran en xaneiro de 2019. Pedro Sánchez respondera coa disolución das Cortes e a convocatoria das eleccións do pasado 28 de abril. Agora, se o Goberno consegue que o proxecto supere esa fase, os orzamentos (os primeiros do Goberno de coalición) pasarán  á discusión do seu articulado, con emendas parciais e votación de cada unha das seccións. Sobre as contas, transcendeu a intención do Executivo de incluír unha suba dos soldos públicos de 0,9%.

O PP pide "flexibilidade laboral" e baixar impostos

A ministra de Defensa, Margarita Robles, apelou o PP a votar a prol dos orzamentos porque sería "mesquiño" non apoialos por mero interese "partidista", mentres que o presidente do PP, Pablo Casado, cualificou de "dantescas" as previsións económicas do Goberno de Sánchez coa caída do PIB e a alza do déficit e subliñou que a receita nos orzamentos non pode consistir en subas impositivas. "A receita non é subir 9.000 millóns e expandir o gasto 53%, sobre todo se non vai parello a dunha eficiencia, racionalización e optimización dos recursos públicos nun momento chave e crítico", afirmou Casado, que chamou a ser "máis competitivos, ter máis flexibilidade laboral e menos presión fiscal".

Rego pide aumentar o investimento

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, mantivo esta segunda feira, 27 de outubro, unha reunión co vicepresidente e ministro español, Pablo Iglesias (Unidas Podemos), para lle trasladar o posicionamento do BNG a respecto dos orzamentos do Estado. Rego transmitiu a disposición do Bloque a colaborar para que haxa contas públicas mais tamén advertiu que vai ter "unha actitude firme na defensa dos intereses da Galiza". Nese sentido, o nacionalista salientou que os orzamentos deben recoller as partidas precisas para dar resposta ás necesidades da Galiza e dar cumprimento ao acordo de investidura asinado co PSOE.

Así, Rego demandou incrementar o investimento territorializado na Galiza en relación co estabelecido nas contas de 2018 e 2019, e defendeu uns orzamentos sociais para unha saída xusta á crise. O deputado inicidu na necesidade de reforzar as contas na axuda á dependencia, derrogar a reforma laboral e das pensións e solucionar o problema das e dos emigrantes retornados coa facenda española. Aliás, defendeu que a xestión dos fondos europeos se faga desde as Administracións galegas.  

Ademais, o deputado nacionalista salientou que para o BNG é fundamental que os fondos europeos sexan repartidos de maneira xusta, tendo en conta criterios específicos como a dispersión da poboación, o envellecemento ou a dependencia para que a Galiza non saia unha vez máis prexudicada. A formación nacionalista reclama que sexan as administracións galegas as que xestionen os fondos europeos e que o seu destino sexa fundamentalmente proxectos públicos de interese social.
 

Comentarios