mércores 28/10/20

Conta atrás en Chile para o referendo constitucional

Máis dun ano despois do estalido social en Chile en protesta polas desigualdades existentes no país, o pobo decidirá nas urnas se quere unha nova Carta Magna ou prefire manter a elaborada en 1980 durante a ditadura militar e que os manifestantes vén como a encarnación dos males que levaron ás revoltas.
EuropaPress_3311283_11_september_2021_chile_santiago_woman_holds_portrait_of_the_late_chilean
Unha simpatizante de Pinochet durante a manifestación do pasado 11 de setembro, aniversario do golpe de 1973 (Francisco Castillo / colprensa)

O 18 de outubro de 2019 un estalido social sacudiu Chile. Froito dese proceso de mobilización cidadá abrollou a convocatoria dun plebiscito popular para decidir se a redacción dunha nova Constitución que substitúa a elaborada en 1980 co ditador Augusto Pinochet como molde é necesaria ("Aprobo") ou non ("Rexeito").

Segundo a última enquisa da consultora MORI, de gran fiabilidade no país andino, dous terzos das persoas consultadas estarían a favor, mentres que tan só 15% prefire conservar a actual Carta Magna. Ademais, a sondaxe ofrece outro dato significativo: 73% considera que os pobos orixinarios deberían ter un recoñecemento especial no novo texto.

Foi na pasada sexta feira que se iniciou a campaña de cara á data do 25 de outubro, día en que todo indica que se pasará unha páxina de 30 anos de resaca dunha ditadura de 17 (1973-1990). O feito histórico estaba previsto para o pasado 26 de abril, mais o novo coronavirus SARS-CoV-2 saíu á escena e matou case 13.000 chilenas e chilenos, postergando uns meses máis a espera de tres décadas.

Porque a pesar de ser obxecto dunha fonda reforma en 2005 ─coa sinatura, entre outros, do ex presidente Ricardo Lagos, un dos maiores opositores ao réxime militar─, a Constitución de 1980 arrastra até hoxe o apelido de 'pinochetista'. Porque para os manifestantes da chamada "revolución dos 30 pesos", pola suba no billete do metro en Santiago, é orixe das desigualdades sociais que denuncian: "non é por 30 pesos, é por 30 anos", defenden.

Dúas preguntas

O 25 de outubro cada votante recibirá dúas papeletas. A primeira, coa pregunta "Quere vostede unha nova Constitución?". Os electores deberán marcar con bolígrafo unha das dúas opcións, "Aprobo" ou "Rexeito". Na segunda, a cuestión será "Que tipo de órgano debe redactar a nova Constitución?", coa posibilidade de elixir "Convención Constitucional" ou "Convención Mixta Constitucional". É dicir, unha convención constituínte composta 100% por 155 cidadás e cidadáns ou unha convención mixta de 172 persoas conformada 50% por parlamentarios e 50% por membros electos para tal fin. 

"A posibilidade de que sexan 100% persoas electas e con garantía de paridade é algo sen precedentes", sinalou ao respecto a ex candidata presidencial da formación de esquerdas Fronte Ampla, Beatriz Sánchez. 

Serán as 15 millóns de persoas que están convocadas ás urnas ─o voto non é obrigatorio en Chile desde 2012, ao contrario que nos países do seu contorno quen o decidan. Segundo un estudo da Plataforma Contexto, unha iniciativa da sociedade civil "para promover a participación activa e informada da cidadanía no proceso constituínte", agárdase un número alto de emisión de sufraxios, apoiando ademais de maneira amplamente maioritaria a mudanza do statu quo.

Pulando por este cambio están unhas 130 organizacións sociais e partidos do arco ideolóxico da esquerda. Mais tamén forzas políticas que transitan entre o centro e o conservadorismo se amosaron publicamente favorábeis ao "Aprobo". Por exemplo, o presidente do partido Demócrata Cristián (DC), Fuad Chahín, afirmou que un novo texto "fecharía a transición política" e acabaría co último remanente político da ditadura, alén de axudar a restaurar o "problema de lexitimidade e de confianza" na democracia e na clase política por parte do pobo chileno.

Piñera votará "Aprobo"

Na coalición de dereitas que sustenta o Goberno do presidente Sebastián Piñera ─Unión Demócrata Independente (UDI), Renovación Nacional (RN), Partido Rexionalista Independente Demócrata e Evolución Política (Evóli)─, tanto RN (o partido de Piñera) como Evóli optaron por dar "liberdade de acción" aos seus militantes de cara á votación. O propio presidente anunciou que a papeleta del será a do "Aprobo".

Porén, a ultraconservadora UDI fai unha firme defensa do "Rexeito". "O que Chile require para avanzar en desenvolvemento social e económico non se resolve a través dunha nova Constitución, senón mediante acordos políticos que deriven en leis e políticas públicas que melloren a vida aos chilenos", dixo a presidenta da formación, Jacqueline Van Rysselberghe. 

A tamén senadora cre que o proceso "foi motivado pola violencia insurreccional que se desatou a partir do 18 de outubro, o que lle resta lexitimidade".

A posición é totalmente oposta entre os partidos políticos progresistas, claramente aliñados co "Aprobo". O presidente do Partido Socialista, Álvaro Elizalde, sinalou que "vai permitir liberármonos da camisa de forza que representa a Constitución de 1980". 

E desde o Partido Comunista, a única formación da esquerda que puxo reparos iniciais por cuestións de forma, tamén se dá apoio a un novo texto: "Construamos entre todas, todos e todes unha nova Constitución de forma democrática e paritaria que garanta o dereito a unha vivenda digna. Que a ninguén lle falte un fogar para vivir feliz canda os seus", di nunha entrada fixada na súa conta do Twitter. 

Slavoj Zizek tamén "aproba" a mudanza

"Aínda que a crise de Chile é un caso específico, ten relevancia universal, polo que todo aquel que valore a verdadeira liberdade, sabe que lado tomar coa mesma certeza que a do cogito ergo sum de Descartes: 'Aprobo, logo son un home libre'". Con estas palabras o filósofo esloveno Slavoj Zizek deu o seu apoio a un novo proceso constituínte. Fíxoo nun vídeo que se publicou coincidindo co comezo da campaña electoral e que elaborou en colaboración coa escritora chilena, Nicol Barria Asenjo, informa El Desconcierto.

 Zizek ─en español─ finaliza lembrando "as últimas palabras de Salvador Allende: 'sigan vostedes sabendo que, moito máis cedo que tarde, de novo abriranse as grandes alamedas, por onde pase o home libre, para construír unha sociedade mellor'. Allende estache falando agora. Isto si está pasando co 'Aprobo'".

comentarios