Consultar os documentos do TTIP baixo vixianza dos EUA

En Portugal @s parlamentares poden consultar algúns textos sob vixianza da embaixada estadounidense. En Bruxelas con cita previa. Non Estado español non existe a posibilidade de os consultar.

Instrucións da embaixada ianqui
photo_camera Instrucións da embaixada ianqui enviada a parlamentares de Portugal

É ben coñecido o segredismo co que se está a negociar o Tratado de Libre Comercio entre os EUA e a UE. Nun intento por calmar as críticas, a Comisión europea disponibilizou para consulta no Parlamento europeo, 70 dos documentos das conversas que manteñen representantes de ambas marxes do Atlántico. Uns textos aos que só poden acceder @s europarlamentares que asuman submeterse a unha estricta confidencialidade. "Unha pantomima", segundo denunciou a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra. 

O procedemento administrativo para acceder á sala de lectura iníciase após solicitar cita previa e especificar cales son os documentos concretos que se consultarán.  As autoridades comunitarias só permiten 2 horas de visita á reading room e as persoas que accedan --acompañadas por persoal da Eurocámara-- deben asinar diversos compromisos de confidencialidade especificados nun informe de 15 páxinas que lles é remitido previamente. 

A Unión Europea cataloga como "información confidencial" os documentos referidos ao TTIP e o TiSA polo que a súa consulta está suxeita á Decisión adoptada pola Mesa da Eurocámara o 15 de abril de 2003, na que se debullan os detalles deste tipo de documentos e as limitacións no seu acceso, consulta, almacenamento e difusión. 

"Non se pode entrar con teléfono" nen "folios" senón que estes serán proporcionados, xunto co bolígrafo, polas autoridades comunitarias, explica Senra

Após submeterse á obriga de confidencialidade accédese a unha sala de lectura "pequena" con "dous flexos, unha mesa, dúas cadeiras" e "tres caixas fortes", explicou Lidia Senra logo da súa visita o 23 de xuño. "Non se pode entrar con teléfono" nen "folios" senón que estes serán proporcionados, xunto co bolígrafo, polas autoridades comunitarias. As follas están seladas con "marcas de auga" e levan o "nome da eurodeputada". Antes de abandonar a sala, onde só se pode permanecer durante un par de horas, "asínase a listaxe exacta de documentos consultados". 

Os documentos só poden ser consultados en inglés o que constitúa, denuncian desde AGEe unha "eiva democrática" e unha "barreira lingüística". 

Baixo a ollada dos EUA

Pola súa banda, @s parlamentares da Assembleia da República de Portugal tamén poden consultar parte dos documentos asociados ás negociacións do TTIP. As deputadas e deputados da Cámara lexislativa recibiron un comunicado remitido pola embaixada dos EUA informando da posibilidade de accederen a unha sala de leitura disponibilizada na propia embaixada. 

"Os visitantes comprométense a non discutir o contido dos textos con persoas non autorizadas a velos"

A este espazo, de novo, poderán acceder previa sinatura dun acordo de confidencialidade e de lles seren retirados os "telemóbeis, computadores ou aparellos de gravación de son e imaxe", segundo informa o xornal dixital Esquerda.net. "Os visitantes comprométense a non discutir o contido dos textos con persoas non autorizadas a velos", subliñan. Aliás, "estalles permitido traer unha caneta ou un lápis para a sala" mais, "os textos non poden ser transcritos e os visitantes apenas deben tomar notas". 

Neste senso, deberán estar vixiad@s "en todo momento" por parte de persoal da embaixada estadounidense. 

Fontes consultadas, sinalan que no Estado español non existe a posibilidade de acceder a esta documentación, tampouco @s parlamentares. 

Comentarios