A constituínte chilena estuda unha iniciativa para "encarcerar" a Piñera

Considérano "único responsábel" dos abusos no estalido social, cunha "responsabilidade política e penal". Por outra parte, o responsábel económico do programa de Gabriel Boric salientou a "ampla marxe de manobra" que terá o Goberno tras "moitos anos" de crise. 
EuropaPress_3296155_sebastian_pinera_llega_palacio_moneda
photo_camera O presidente saínte de Chile, Sebastián Piñera, nunha foto de arquivo (Foto: Cristóbal Escobar / Agencia Uno)

A presidenta da Convención Constitucional de Chile, María Elisa Quinteros, recibiu varios representantes dunha iniciativa que busca reivindicar xustiza a través dunha petición de cárcere para o presidente saínte do país, Sebastián Piñera.

A proposta, denominada "Cárcere para Sebastián Piñera", argumenta que o mandatario é o "único responsábel" das violacións de dereitos humanos rexistradas a mans de axentes da Policía durante o chamado "estalido social" que se produciu en Chile a finais de 2019.

Para eles, Piñera actuou con "total impunidade" no marco das protestas, que se iniciaron polo aumento das tarifas do transporte público en Santiago de Chile e evolucionaron cara á denuncia da situación socioeconómica no país. A elaboración dun novo texto constitucional foi froito daquela mobilización cidadá, que se saldou con 34 mortes e máis de 8.000 detidos.

"Ten responsabilidade política e penal", polo que debe ser xulgado ben sexa en tribunais nacionais ou internacionais, insiste a iniciativa, segundo informou a emisora Cooperativa.

Con todo, e a pesar do nome, a iniciativa só busca "que se estabeleza na futura Constitución unha garantía de xustiza e non repetición" para que o presidente do país non poida "abusar do seu poder e declare a guerra ao seu propio pobo", como consideran que fixo Piñera.

Polo momento conseguiron máis de 20.000 sinaturas, superando o mínimo de 15.000 estabelecido para que a Convención someta asuntos a debate.

A Comisión Chilena de Dereitos Humanos e o ex xuíz español Baltasar Garzón, xunto con outras organizacións sociais, denunciaron a Piñera ante o Tribunal Penal Internacional (TPI) en abril de 2021.

Boric e economía

Por outra parte, Guillermo Larraín, encargado da converxencia programática económica do presidente electo, Gabriel Boric, recoñeceu que o futuro Goberno terá unha gran "marxe de manobra" nun país que está  inmerso "nunha crise moi grande desde hai anos".

Larraín, un dos asesores chave do mandatario electo, participou onte nunha mesa redonda organizada polo Real Instituto Elcano sobre o contrato social en Chile e puxo tamén en valor a remuda xeracional da política chilena que representa Boric.

Larraín salientou que Boric definiu a ideoloxía do seu Goberno como "socialdemócrata" e que, neste aspecto, é onde goza dunha maior "marxe de manobra" fronte ao "cuestionamento" existente contra o neoliberalismo.

Comentarios