Por terceira vez o Tribunal Constitucional advirte ao president do Parlament de Catalunya de que enfrontará responsabilidades penais de permitir que se produza un debate na Cámara sobre unha iniciativa arredor do dereito a decidir.
Terza feira, 5 de novembro, o TC reuniuse de urxencia en pleno extraordinario para admitir a trámite os tres últimos recursos formulados polo Consello de Ministros do Goberno do Estado español contra o acordo da Mesa do Parlament polo que se aprobaba abrir un debate na Cámara catalá en torno ao dereito de autodeterminación, a soberanía nacional de Catalunya e a reprobación do rei Filipe VI.
A iniciativa deste debate atópase na admisión a trámite pola Mesa do Parlament dunha proposta de Junts, Esquerra e a CUP
A iniciativa deste debate atópase na admisión a trámite pola Mesa do Parlament dunha proposta dos grupos parlamentarios de Junts, Esquerra e a CUP onde rexeitan a sentenza do Tribunal Supremo contra o procés.
Torrent empraza Sánchez a apostar polo diálogo
A resolución do Constitucional non fixo efecto e Torrent non só anunciou que a iniciativa seguirá o seu curso normal e que se debaterá, senón que ademais criticou Pedro Sánchez por insistir na liña do Partido Popular e pular pola xudicialización do conflito catalán en lugar de apostar polo diálogo.
Roger Torrent aproveitou para lembrar que desde o ano 1989 o Parlament de Catlunya debateu e aprobou resolucións reiteradas veces sobre monarquía e autodeterminación
Nese sentido, o republicano lamentou en rolda de prensa após coñecerse a posición do TC que «o presidente Sánchez está a superar incluso a dinámica absurda, ineficaz e perigosa desde un punto de vista democrático do anterior Goberno de Mariano Raxoi».
Roger Torrent aproveitou para lembrar que desde o ano 1989 o Parlament de Catlunya debateu e aprobou resolucións reiteradas veces sobre monarquía e autodeterminación.
Llarena reactiva a euroorde
Após a resolución punitiva do Tribunal Supremo no xuízo polo procés, o xuíz Pablo Llarena reactivou a euroorde contra a ex consellera Clara Ponsatí e os ex consellers Toni Comín e Lluís Puig Gordi. As tres independentistas membros do Govern presidido por Carles Puigdemont atópanse actualmente no exilio en Escocia e Bruxelas.
O xuíz dita orde de busca e captura baixo a acusación dos mesmos delitos polos que se condenou as presas e presos políticos no Supremo
Na causa especial asinada por Llarena, o xuíz dita orde de busca e captura baixo a acusación dos mesmos delitos polos que se condenou as presas e presos políticos no Supremo. Desta maneira, o ex conseller de Sanidade Toni Comín e eurodeputado eleito a pesar de o Estado español negarlle a acta, é acusado de sedición e malversación e asegúrase na causa que o seu departamento destinou 233.180,55 euros á realización do referendo de autodeterminación do 1 de outubro. Clara Ponsatí, que levou a carteira de Ensino, é acusada de sedición, e Lluís Puig afronta a acusación de malversación e desobediencia.
Desde o Govern, a súa portavoz Meritxell Budó afirmou confiar na xustiza europea e que, por tanto, se deneguen as causas.
Puigdemont pregunta se o van secuestrar
O debate a cinco emitido por diversas canles de televisión na madrugada da pasada segunda feira 4 de novembro amosou un Pedro Sánchez favorábel á xudicialización do conflito catalán en lugar de optar polo diálogo e a democracia.
«Quéreme secuestrar, señor Pedro Sánchez?» espetoulle o ex president ao candidato do PSOE
O presidente en funcións do Goberno central mofouse do seu rival Pablo Casado asegurando que foi ao ex mandatario Mariano Raxoi a quen se lle escapou Carles Puigdemont e chegou a prometer que sería el mesmo quen o faría tornar ao Estado español desde Bélxica. Nese sentido, o ex president Carles Puigdemont respondeu a Sánchez formulando unha pregunta na que o instaba a responder se o ía secuestrar.
«Quéreme secuestrar, señor Pedro Sánchez?» espetoulle o ex president ao candidato do PSOE á Moncloa a través das redes sociais.
Puigdemont afirmou que só hai dúas maneiras posíbeis de que Sánchez cumpra a súa promesa e, aclarou, ambas as dúas son ilegais. A primeira que formulou Puigdemont pasa por que o Consello de Ministros «tome unha decisión que en democracia só pode tomar o poder xudicial». A segunda consiste en «practicar o mesmo que un ministro e outros dirixentes do seu partido, o partido socialista, practicaron no pasado e que vostede xustifica: o secuestro de persoas», aseverou Puigdemont.