Consenso entre os territorios sobre a presencialidade no ensino

Perante a reunión entre as Consellarías de Educación e o Ministerio, hai un acordo xeral sobre o carácter presencial do ensino a tódolos niveis, cunha pequena discrepancia arredor da distancia interpersoal.
Aula no ano lectivo 2020-2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Aula no ano lectivo 2020-2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Tras confirmar a comezos de agosto que no ano lectivo 2021-2022 a aposta do Ministerio de Educación e Formación Profesional era a presencialidade en tódolos niveis, a nova ministra, Pilar Alegría, convoca a cuarta feira un encontro extraordinario coas Consellarías territoriais con responsabilidades en Educación para fechar o protocolo acordado en maio, antes do comezo do curso.

Até o de agora, hai consenso xeral na vía do ensino presencial, a principal diferencia entre territorios é a distancia de seguridade interpersoal, que oscila entre o 1,5 metros e o 1,2 metros, por esta última, indican fontes do Ministerio a medios españois, aposta a institución dirixida por Alegría á hora de flexibilizar a normativa.

Neste protocolo, negociado pola antecesora de Alegría, Isabel Celaá, e cunhas modificacións introducidas o 29 de xuño, mantense o uso da máscara a partir dos seis anos, con grupos “burbulla” até os 12 anos.

Outro dos aspectos máis polémicos do pacto, foi recuperar en setembro, co comezo do curso escolar, os ratios de profesorado e alumnado previos á aparición da pandemia de Covid-19, extremo que a titular do Ministerio xustificou coa solicitude aos Gobernos territoriais de manter o profesorado que foi contratado desde a aparición do coronavirus. 

Asemade, reclamou valorar o esforzo económico do pasado ano lectivo a nivel de contratación de persoal docente.

A ministra reitera que está absolutamente descartado impor a obriga ás e aos docentes de vacinarse, “case todos o fixeron xa voluntariamente, profesores e cidadáns están a dar unha imaxe de total responsabilidade no proceso de vacinación”, destaca Alegría.

A meirande parte dos territorios comunicou até o de agora que a súa intención é continuar co protocolo asinado en maio. No caso do País Valencià, fixo público que comezará o curso con 5.000 docentes extra que permitirán unha atención ao estudantado “máis individualizada”.

Comentarios