Consello de Seguridade da ONU pide un cesamento do fogo sen condicións en Gaza

O máximo órgano de decisión das Nacións Unidas quere que sexa un primeiro paso para avanzar na proposta de paz presentada por Exipto.

O Consello de Seguranza reclamou esta segunda feira un cesar o fogo “humanitario, inmediato e sen condicións” en Gaza após tres semanas de agresión israelita que xa causou máis de mil mort@s palestinian@s. Nunha declaración acordada por todos os membros do Consello de Seguranza chama a que se traballe para un acordo que deteña a violencia de forma durareira e a facelo sobre a proposta de paz presentada no seu momento por Exipto.

A declaración da ONU diríxese a ambas as dúas partes (israelitas e palestinianos), posicionándose nunha equidistancia entre agresor e agredido que non pode ser neutral. Porén, a declaración recolle elementos de disgusto para o executivo de Netanyahu, como a lembranza da solución dos ‘dous estados’.

Exipto, o mediador ‘interesado’

En cada agresión de Israel a Gaza aparece Exipto como o mediador. É un estado que Tel-Aviv ve como fundamental para a supervivencia de Israel. De aí que fose, con Estados Unidos, o que máis se alegrase do golpe de estado dos militares que derrotou o goberno (elexido nas urnas) islamista de Morsi.

O pacifista israelita Uri Avnery ve a Exipto como un aliado máis de Israel. "O xeneral Al-Sisi odia a Hamas, e non o oculta", afirma. E pon o exemplo do acontecido nesta invasión de Gaza aínda en curso: "Exipto di ser mediador neutral, mais dictou un cesamento o fogo nos termos que lle dixeron os israelitas "e sen consultalo con Hamas, que se enterou a través da prensa".

Comentarios