Condena o lanzamento do mísil

O Consello de Seguranza da ONU non impón novas sancións a Pyongyang

Si á condena do lanzamento do mísil que sobrevoou Xapón, mais non a novas sancións a Pyongyang. Ese é o resumo da reunión realizada esta terza feira, de urxencia, polo Consello de Seguranza de Nacións Unidas. 

Consello de Seguranza da ONU
photo_camera Un momento da reunión do Consello de Seguranza

O lanzamento dun mísil que percorreu 2.500 quilómetros e sobrevoou territorio xaponés, o primeiro en facer tal cousa desde 2009, non acarretará novas sancións a Corea do Norte, após estas seren desbotadas onte na reunión do Consello de Seguranza de Nacións Unidas. Previsibelmente Beijing e Moscova mostrarían reticencias a aumentar as penalizacións sobre Pyongyang, co argumento de que a outra parte -Seúl e Washignton- teñen continuado coas súas manobras conxuntas, o que tamén contribúe para aumentar a tensión na península coreana. Sería inxusto que as sancións caesen só dun lado, veñen argumentar Rusia e China.

En todo caso, o Consello de Seguranza si condena o lanzamento e, en troca, nada di da detonación de bombas perto da fronteira realizado como réplica por Seúl horas despois de o mísil sobrevoar Xapón.

"O Consello de Seguranza condena a República Democrática Popular de Corea polas súas aldraxantes accións e pídelle que cese nelas. O Consello de Seguranza pon de manifesto que estas acccións non só representan unha ameaza á rexión, senón a todos os estados membros de Nacións Unidas", afirma o comunicado emitido por este órgao da ONU.

Como era de agardar, as declaracións máis destemperadas contra Pyongyang chegaron da parte norteamericana. "O mundo está unido contra Corea do Norte", dixo arrogándose a representación de toda a comunidade internacional o embaixador estadunidense perante Nacións Unidas, Nikki Haley.

Por súa parte, nun ton moito máis conciliador, o representante permanente de Rusia no Consello de Seguranza, Vasily Nebenzya, dixo que calquera solución á crise coreana debe excluír o uso das armas. "Non é posíbel unha solución militar aos problemas da Península. Cremos que todas as resolucións do Consello de Seguranza deben especificar esta condición", enfatizou o representante de Moscova.

Comentarios