O Consello de Ministros decretará hoxe o estado de alarma en Madrid

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, convocou na noite de onte un Consello de Ministros extraordinario, que decorre na mañá da sexta feira, para decretar o estado de alarma na Comunidade de Madrid e poder saltar así a anulación que fixo do fechamento o Tribunal Superior de Xustiza.

Un policía, nun control de entradas e saídas de Móstoles (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Un policía, nun control de entradas e saídas de Móstoles (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press).

Ás portas da ponte do 12 de outubro, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid tombou o fechamento perimetral de Madrid que ordenara o Ministerio de Sanidade. Para salvar a decisión, o presidente español, Pedro Sánchez, convocou na noite de onte un Consello de Ministras e Ministros extraordinario no que decretará o estado de alarma na Comunidade de Madrid.

Tal e como transcendeu, a medida aprobarase na mañá desta sexta feira e durará quince días. Para prorrogar o estado de alarma en Madrid e poder así continuar co fechamento, o Goberno estatal precisaría do aval do Congreso. A decisión, coñecida na noite da quinta feira, xa fora adiantada por Sánchez na mañá de onte, cando advertía de que o estado de alarma era un “instrumento eficaz” que o seu Goberno tiña presente.

O decreto do estado de alarma determinará en que momento comeza a ser vixente a restrición de movementos en Madrid. E é que a decisión xudicial de tombar o fechamento de Madrid abriu a porta, en plena ponte, a que millóns de madrileñas e madrileños se movesen sen limitacións en plena escalada da Covid-19 na segunda onda da pandemia.

Na reunión tamén se concretará quen será a autoridade competente, pois podería ser o Goberno español ou delegar a responsabilidade no Goberno rexional.

Por outra banda, o Consello de Ministros e Ministras tamén decidirá se pacta as restricións e medidas coa presidenta da comunidade, Isabel Díaz Ayuso. Até o momento, o Executivo de Sánchez mantiña que o virus “non entende de territorios”.

Medidas vixentes

As restricións ás entradas e saídas afectaban máis de 4,8 millóns de persoas que viven en Madrid capital e nas localidades de Alcalá de Henares, Alcobendas, Alcorcón, Fuenlabrada, Getafe, Leganés, Móstoles, Parla e Torrejón de Ardoz. Coa decisión do TSXM, o fechamento decaeu, mais mantéñense vixentes as capacidades máximas na hostalaría, velorios e comercios, a limitación das reunións a un máximo de seis persoas e a clausura dos bares e restaurantes ás 23 horas.

A través de Twitter, a presidenta de Madrid anunciaba que reunirá o seu Executivo na mañá da sexta feira para contemplar as "alternativas", aínda que xa avanzou que a súa intención difire do estado de alarma que aprobará o Consello de Ministros e Ministras. "As nosas zonas básicas estaban funcionando e poden ser o mellor", apuntaba.

Madrid, centrifugadora de casos

Científicas e científicos do CSIC demostraron durante a primeira vaga da pandemia que a expansión do coronavirus no Estado español tiña relación directa coas viaxes desde e cara a Madrid. Concluíran que 65% dos casos de cada territorio durante o pico da pandemia respondían ao intercambio da poboación con Madrid unha semana antes. Estas viaxes explicarían, segundo os estudosos, o 76% dos falecementos no momento máis álxido da Covid-19.

Comentarios