O primeiro Consello de Ministras español aproba subir 0,9% as pensións

O primeiro Consello de Ministras e Ministros do novo Goberno español, reunido na Moncloa esta terza feira, 14 de xaneiro, aprobou as primeiras medidas da lexislatura, entre elas, a suba das pensións 0,9%, o que beneficiará máis de 9,8 millóns de pensións contributivas. Tamén aprobou reunirse nas terzas feiras, rompendo a tradición de facelo nas sextas, e propuxo ademais a ex ministra de xustiza Dolores Delgado como Fiscala Xeral do Estado.
Consello de Ministras na sala de reunións da Moncloa (Imaxe Europa Press)
photo_camera Consello de Ministras na sala de reunións da Moncloa (Imaxe Europa Press)

O primeiro Goberno de coalición do Estado español desde os anos 30 arrancou esta terza feira, 14 de xaneiro, coa reunión do Consello de Ministras e Ministros, logo de que na segunda feira os membros do Executivo tomasen posesión das súas carteiras. Inicia pois unha nova lexislatura para Pedro Sánchez, con Unidas Podemos no Consello e coa suba das pensións como unha das primeiras medidas.

Por medio dun Real Decreto-lei, as pensións contributivas, non contributivas e as de clases pasivas subirán este ano 0,9%, con carácter retroactivo desde o pasado día 1 de xaneiro. Será nas nóminas de febreiro onde se inclúan os atrasos correspondentes a esa data.

Segundo anunciou o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, encabezado por José Luis Escrivá (pertencente á parte do PSOE no Goberno) o custo da revalorización das pensións alcanzará 1.406 millóns de euros e beneficiará máis de 9,8 millóns de pensións contributivas, 655.000 de clases pasivas, 451.156 non contributivas e 195.000 pensións por crianzas a cargo con discapacidade maior ou igual a 65%.

O presidente Sánchez afirmou na rolda de prensa posterior ao Consello que a suba de 0,9% coincide precisamente coa estimación media do IPC para 2020, e aseverou que, desta maneira, o Executivo cumpre o seu compromiso de que o colectivo de pensionistas non perda poder adquisitivo. Nesa lóxica, Sánchez volveuse comprometer a que, de o IPC aumentar máis de 0,9% este ano, o Goberno compensará a diferenza ás e os pensionistas  a través dun único pago en abril de 2021.

O novo aumento está por riba do mínimo legal previsto, que figura en 0,25%. Sobre ese teito que estabelece o Índice de Revalorización das Pensións, cuxa derrogación reclaman os sindicatos, non fica suprimido aínda. Polo de agora tan só queda aparcado á espera de conseguir un acordo neste campo que permita revalorizar as pensións conforme ao IPC. "Non derrogamos nada”, afirmou Sánchez, quen enunciou o seu desexo de alcanzar cedo un acordo entre os axentes sociais e os partidos no Pacto de Toledo.

Con todo, queda cativo o novo acordo en comparación coas demandas do movemento de defensa das pensións e de centrais sindicais como a CIG. De feito, o sindicato nacionalista vén reclamando con insistencia medidas urxentes que pasan pola supresión do factor de sustentabilidade e igualar por lei as pensións mínimas ao salario mínimo interprofesional (SMI), a xubilación ordinaria aos 65 anos e voluntaria a partir dos 35 cotizados e que o cálculo da base reguladora se faga segundo as bases de cotización.

A suba do salario mínimo fica aínda sen data

En canto ao salario mínimo interprofesional (SMI), o presidente do Goberno español anunciou que activará o diálogo social para que o sector empresarial e as centrais sindicais fagan unha proposta de aumento para este ano. Así mesmo, tamén se comprometeu a negociar coa Comisión Europea unha nova senda de déficit, tendo en conta que as "circunstancias económicas e políticas", tanto en España como en Bruxelas, cambiaron, afirmou Pedro Sánchez.

"A conxuntura económica mudou, e tamén cambiou a estabilidade orzamentaria, a Comisión europea e o propio comisario económico e, por tanto, temos que negociar con eles a nova senda de estabilidade", sinalou na terza feira após a reunión do Consello o presidente do Estado.

Reuniranse nas terzas

Sexta feira, 17 de xaneiro, será a segunda vez nesta semana en que se reunirá o Consello. Será con carácter extraordinario sob o obxectivo de realizar os nomeamentos dos segundos niveis dos Ministerios. A partir de entón, segundo informou a Moncloa, os Consellos serán nas terzas feiras, rachando así coa tradición dos anteriores Gobernos de realizar as reunións dos Consellos nas sextas.

Delgado, Fiscala Xeral

O Consello tamén aprobou a proposta da ex ministra de xustiza do anterior gabinete de Pedro Sánchez, Dolores Delgado, como Fiscala Xeral do Estado. O propio presidente defendeu o seu nome após a reunión, cualificando de "impecábel" o seu currículo e acusou o PP de "bloquear a xustiza" polo seu anuncio de recorrer o nomeamento ante os tribunais, acusando unha vulneración da separación de poderes.

Tamén entidades profesionais de xuristas, a maioría de corte conservadora, criticaron o nomeamento por desvirtuar a independencia da Fiscalía. Outros sectores sociais ven, porén, certa marxe nun movemento de Sánchez que entenden encamiñado a cumprir a súa promesa efectuada durante o pleno de investidura, e en coherencia cos acordos alcanzados coas forzas soberanistas, consistente en abandonar a vía xudicial contra o independentismo catalán e circular pola senda política.

O Goberno dará contas cada cen días

De cen en cen días renderá contas o Executivo estatal sobre o traballo realizado, segundo afirmou o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, ao rematar o Consello de Ministras e Ministros. A rendición de contas farase por medio de comparecencias que terán lugar na Moncloa e non no Congreso. "Farémolo todas e todos por departamentos", precisou o xefe do Executivo, asegurando que na Cámara Baixa o control realizarase cada menos tempo. 
 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios