FINALIZA SEN ACORDO A REUNIóN DO EUROGRUPO

O Consello Europeo dá máis tempo para negociar sobre Grecia

O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, informou de que ficou cancelado o cumio de xefes de Estado e de Goberno a Vinteoito que debía seguir á reunión de líderes do euro para gañar “máis tempo”. O Eurogrupo vén de finalizar, máis outra vez, sen acordo. O futuro de Grecia está pendente da reunión que manteñen arestora os líderes europeos.

Tsipras europeo
photo_camera Tsipras europeo

Segundo informou esta mañá o presidente do Consello Europeo na súa conta de Twitter, o cumio de xefes de Estado e de Goberno dos Vinteoito quedou cancelado co fin de darlles “máis tempo” ás negociacións sobre Grecia. A cancelación deste encontro supón un lixeiro respiro para chegar a un acordo. Quen si está a manter un cumio esta tarde son os líderes europeos (19 dos 28) co fin de adoptar unha decisión sobre un terceiro rescate a Grecia. A reunión desta tarde, que xa deu comezo, durará “até que se chegue a un acordo”, expuxo Tusk na rede social. Pola outra banda, a reunión do Eurogrupo que precedía a xuntanza dos líderes finalizou sen acadar resolución ningunha.

Os países menos proclives a ampliar a axuda a Grecia son Eslovaquia e Finlandia, países que mesmo se posicionaron a favor de que o país heleno saia da zona euro. “Atenas ten que asumir condicións moi duras para lograr un acordo”, salientou o ministro finlandés el Alexander Stubb -erixido en portavoz del ala más dura contra Grecia- antes da reunión do Eurogrupo de desta mañá.

Outro grupo de países, entre os que se atopan Alemaña e o Estado español, desconfían deste terceiro rescate a Grecia pola falta de confianza -Angela Merkel afirmaba esta mañá en declaracións aos medios que Grecia perdera a moeda máis importante: a confianza-. No caso de, finalmente, concederlle a Grecia o terceiro rescate, este grupo de países queren impoñer duras condicións para asegurar o calendario de reformas ao que se compromete o Goberno de Alexis Tsipras.

O Parlamento grego aprobou un duro paquete de reformas moi semellantes ás medidas esixidas pola troika

Despois de lograr o sábado o apoio parlamentar para un duro paquete de reformas moi semellante ás medidas esixidas pola troika e que supuxeron a convocatoria do referendo do pasado domingo, Tsipras declarou á súa chegada á Bruxelas que “se todas as partes quixeren, poderemos obter un acordo esta mesma noite”. A votación na cámara grega saíu adiante cos votos a favor de 251 deputados e deputadas (amais da meirande parte de Syriza e dos deputados e deputadas do seu socio de Goberno votaron a favor Gregos Independentes, Nova Democracia, To Potami e o Pasok) , con 32 en contra (o partido neonazi Amencer Dourado, os comunistas do KKE e dous deputados de Syriza votaron en contra) e con 8 abstencións (na súa totalidade de membros de Syriza, entre eles, o ministro de Enerxía, Panayotis Lafazanis e da presidenta do Parlamento, Zoé Konstandopulu).
 

Comentarios