O Consello de Europa esixe a España que investigue "o uso excesivo da forza" pola policía en Catalunya

Dunja Mijatović, comisaria de Dereitos Humanos, mostra a súa preocupación polas agresións a xornalistas e polas acusacións contra a policía por un uso desproporcionado da forza e un uso indebido de armas anti disturbios nas mobilizacións destes días en Catalunya

A comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Dunja Mijatovic, reclamou a España que investigue "o uso excesivo da forza" por parte da policía nas mobilizacións e protestas contra a sentenza do Tribunal Supremo que condena a 100 anos de cárcere as dirixentes independentistas cataláns.

Mijatovic amosou a preocupación por "numerosos informes" de ataques contra xornalistas que cubriron as manifestacións en Cataluña a semana pasada. En concreto, recolleu 37 denuncias, varias por actuacións policiais a pesar de que as profesionais da información foran correctamente identificados. Mijatovic lembra que, nun contexto coma este, "é fundamental garantir o total respecto da liberdade de expresión, que inclúe o dereito a recibir e distribuír información". É por iso que fai un chamamento ás autoridades españolas para que investiguen todos os casos denunciados de ataques contra xornalistas e que garantan a súa seguridade durante as manifestacións.

Outra mostra de preocupación da comisaria para os Dereitos Humanos do Consello de Europa é as acusacións contra a policía por un uso desproporcionado da forza e un uso indebido de armas anti disturbios durante as manifestacións da semana pasada.

Aínda que afirma ter coñecemento completo dos "moitos retos" que enfronta a policía cando ten que enfrontarse a "ataques violentos" e "numerosos actos vandálicos" nas rúas, que "condena firmemente", Mijatovic recorda que as axentes deben actuar rexidas polos principios de "necesidade e proporcionalidade" no uso da forza.

Neste sentido, afirma ter recibido varios informes, entre eles un de Amnistía Internacional, que denuncian o "uso inadecuado" de armas como proxectís de goma ou foams. Lamenta, ademais, que catro persoas perderan un ollo por mor destes dispositivos e lembra que o seu antecesor ao cargo xa advertiu 4 de outubro de 2017 nunha carta ao goberno español que usaba destas armas "representa un claro perigo para a saúde dos manifestantes".

Comentarios