O Consello de Europa cuestiona a xustiza española

Luz verde ao relatorio que critica a actuación xudicial cos presos políticos cataláns. A calidade democrática do Estado español está no punto de mira de organismos europeos. Se nos últimos anos o Tribunal de Xustiza de Estrasburgo botou abaixo diversas resolucións das instancias xudiciais do Estado, nesta ocasión é o Consello de Europa quen cuestiona os xuíces españois.
Plenario da Asemblea de Parlamentarios do Consello de Europa. (Foto: Europa Press) #catalunya #procés #presospolíticos #consellodeeuropa #europa #sedición
photo_camera Plenario da Asemblea de Parlamentarios do Consello de Europa. (Foto: Europa Press)

O pleno da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa aprobou onte con 78 votos a favor, 28 en contra e 12 abstencións un relatorio onde se critica a actuación da xustiza española contra os dirixentes nacionalistas cataláns procesados pola súa participación no referendo de outubro de 2017 e se demanda a apertura dun proceso de dialogo para resolver o conflito entre Catalunya e o Estado español.

A Asemblea Parlamentaria é un órgano estatutario do Consello de Europa composto polos 47 ministros de Exteriores dos Estados membros e unha representación das súas cámaras lexislativas. Fundado en 1940 e presidida pola socialista suíza Liliane Maury Pasquier, a súa función cínguese a investigar, recomendar e aconsellar, tendo un peso significativo os seus informes en materia de dereitos humanos. Tanto é así que o Parlamento Europeo e outras institucións da Unión Europea (UE) adoitan remitir ás recomendacións da Asemblea neste ámbito.

O informe, redactado polo deputado letón, Boris Civelics e titulado Teñen que ser xulgados os políticos polas manifestacións feitas no exercicio do seu mandato?, céntrase na persecución aos dirixentes políticos en Turquía e no Estado español. Así, en relación a este último, repasa os acontecementos que teñen provocado os encarceramentos dos dirixentes nacionalistas cataláns após o referendo do 1 de outubro de 2017, a persecución aos exiliados e as causas abertas contra funcionarios públicos pola súa participación neses feitos.

O texto reclama “pór fin aos procedementos de extradición dos responsábeis políticos cataláns que viven no estranxeiro investigados polos mesmos motivos”. Nesa dirección, cuestiona que “as autoridades españolas tentan conseguir a extradición dos responsábeis políticos cataláns residentes noutros países europeos, malia as diferentes sentenzas en contra en Alemaña, Bélxica e Gran Bretaña”. Asemade, recomenda “retirar os xuízos aínda en curso tamén contra funcionarios de rango inferior implicados no referendo do 2017 e absterse de sancionar as persoas que teñen sucedido os responsábeis políticos encarcerados polos actos simbólicos que simplemente expresan a súa solidariedade coas 
persoas detidas”. 

Toque ao Tribunal de Contas

As recomendacións do Consello de Europa reparan nas actuacións do Tribunal de Contas contra os dirixentes nacionalistas cataláns. Así, en relación co organismo fiscalizador presidido por Ramón Álvarez de Miranda, sinala que debe “garantir que a disposición penal relativa á malversación de fondos públicos sexa aplicada de maneira que a responsabilidade só recaia sobre as perdas reais e cuantificadas para o orzamento estatal ou dos seus activos que poidan ser estabelecidas”.

O relatorio critica a tipificación legal dos delitos de sedición e rebelión e aposta por unha nova configuración. Neste sentido, defende “reformar as disposicións penais relativas á rebelión e a sedición” co obxectivo de que “non poidan dar lugar a unha interpretación que converta en inoperante a despenalización da organización dun referendo aprobado en 2005 nin tampouco dea pé a sancións desproporcionadas por infraccións non violentas”. Na mesma liña, considera que a súa actual redacción é unha “resposta ás frecuentes tentativas dos militares de tomar o poder no pasado” e cuestiona a súa aplicación aos organizadores do referendo.

O documento aposta polo diálogo para solucionar o litixio aberto entre o Estado español e Catalunya. Así, afirma a necesidade de “estabelecer un diálogo aberto e construtivo co conxunto de forzas políticas de Catalunya, incluíndo aquelas que se opoñen á independencia co fin de reforzar a calidade da democracia española, un dos Estados máis antigos de Europa, pola autoridade do Estado de dereito, a boa gobernanza e o respecto total aos dereitos humanos, sen ter que recorrer á vía penal, pero con pleno respecto á orde constitucional de España”.

Comentarios