O Consello de Estado frea o recurso da Moncloa contra a investidura de Puigdemont

Nova labazada á estratexia xudicial do Goberno Rajoy a respeito de Catalunya. O primeiro foi a negativa do xuíz Llarena a activar a euro-orde para deter Puigdemont en Copenhague que lle demandaba a fiscalía. O segundo revés para a Moncloa chega esta mesma tarde: o Consello de Estado non acha "fundamentos" para recorrer perante o Constitucional o pleno de investidura do líder de JxCat.

Romay Beccaría
photo_camera Romay Beccaría

O Consello de Estado -órgao consultivo que preside o galego José Manuel Romay, mentor político de Feijóo- entende que non existe base legal para impugnar a resolución asinada por Roger Torrent en que se propón Carles Puigdemont como candidato para a sesión de investidura.

O Goberno español anunciou esta mesma quinta feira a súa disposición a levar a designación de Puigdemont como candidato ao TC. Entendía o Executivo -e así o explicou nunha conferencia de imprensa de urxencia Soraya Sáenz Santamaría- que Puigdemont, ao ter fuxido da acción da xustiza, é unha persoa "que non ten plenitude de direitos".

Nesa comparecencia, Soraya anunciou que o Goberno pediría primeiro o seu parecer ao Consello de Estado. Pois ben, o ditame dese órgao consultivo é contrario ás pretensións da Moncloa ao considerar que a impugnación da resolución adoptada polo presidente do Parlament, Roger Torrent, o pasado 22 de xaneiro, carece de fundamento.

O Consello de Estado xulga que non se pode interpor un recurso con carácter preventivo e que calquera actuación contra o desenvolvimento da sesión de investidura tería de ser posterior á súa realización, sempre e cando se apreciasen indicios de inconstitucionalidade no seu decurso.

En todo caso, o ditame deste órgao non é vinculante e o Consello de Ministros podería resolver esta sexta feira continuar coa súa intención de ir ao TC. Non parece, aliás, probábel que vaia adoptar unha medida desa natureza sen o aval do Consello de Estado, a se arriscar tamén a achar resistencia no propio Tribunal Constitucional.

E mentres isto ocorría na capital do Estado, en Barcelona Torrent convocaba o pleno para a investidura de Puigdemont para a próxima terza feira 30 de xaneiro ás 15 horas.

Corrección: na versión orixinaria desta noticia aparecía o termo "varapau". Fomos advertidos polo noso colaborador Henrique Harguindey da súa inexistencia en galego. Substituímolo pois por "labazada". Sinónimos serían mocazo, fungueirazo, cotenada...

Comentarios