TSIPRAS: "EVITAMOS A ASFIXIA, MAIS O PIOR VéN AGORA"

Que consegue Grecia e que obtén Alemaña?

O acordo in extremis desta sexta feira non garante en realidade nada e deixa as espadas en alto. Grecia nen sequer obtén a prórroga de 6 meses que cobizaba. Iso significa que non obtén financiamento para os vencimentos de débeda de xullo e agosto, por un monto de perto de 7 mil millóns de euros.

Tsipras europeo

Que consegue Grecia?

O que consegue Grecia basicamente é un empréstimo de 1.800 millóns de euros e o pagamento doutros 1.900 millóns a conta do beneficio que irá obter o Banco Central Europeu coa compra de bonos helenos.

Consegue tamén unha palabra chave na aplicación dos rescates [si, o que fai Grecia é prolongar o rescate]: flexibilidade. Esa flexibilidade iralle permitir que Bruxelas non sexa ríxida na exixencia dun superávit primario grego en 2015 do 3% do PIB. O superávit primario é aquel que se obtén sen ter en conta o pagamento dos xuros pola débeda. Isto significa que Grecia poderá destinar parte dos recursos públicos non a acumular excedente, senón a financiar políticas sociais.

Segundo explicou en conferencia de imprensa após a cimeira do Eurogrupo Yanis Varoufakis, Grecia consegue tamén que, entre a listaxe de compromisos a asumir en troca da nova liña de financiamento, non figure nen a suba do IVE nen a baixa das pensións públicas.

Que consegue Alemaña?

Primeiro, que Grecia se vexa obrigado a facer o que en primeira instancia manifestou que nunca faría: atarse ao rescate negociado no seu momento polo goberno de Nova Democracia.

Segundo, que Grecia se comprometa a que calquer alteración sobre os termos do acordo do rescate tal e como foron asinados por Bruxelas e o Goberno de Nova Democracia se fagan previa avaliación do Banco Central Europeu, a Comisión Europea e o Fundo Monetario Internacional. Isto é, Grecia asume que a Troika, aínda que adopte outra forma e outro nome, continuará fiscalizando todo.

Terceiro, afasta en principio o espectro da saída de Grecia do Euro. Embora meios de comunicación mainstream como Der Spiegel informasen de que o BCE estaba a manexar a hipótese da Grexit [termo que designa a saída helena da zona euro], o certo é que Berlín prefire que Grecia non se vaia, pola instabilidade que dese movemento podería decorrer e os hipotéticos efeitos contaxios que poderían darse noutras economías.

Cuarto, que Grecia asuma que a conditio sine qua non para obter financiamento do BCE é introducir "reformas" na súa economía, eufemismo na xíria da UE que en realidade significa recortes. Está agora por ver a envergadura das "reformas" que asume Atenas [o acordo desta sexta feira está condicionado a que Grecia apresente a segunda feira unha listaxe de compromisos sobre políticas concretas a aplicar no seu país].

Declaracións de Tsipras

Se a sexta feira o protagonismo recaeu en Varoufakis, este sábado foi a quenda do primeiro ministro grego, Alexis Tsipras.

Non foi nada triunfalista, embora deixase unha frase de ton positivo: "O acordo deixa atrás a austeridade, o memorando e a Troika". O substancial do que dixo é que o pior está aínda por vir: "As dificultades reais están por chegar. Evitamos a asfixia de Grecia, mais o pior vén agora".

Para Tsipras, e grazas ao "decisivo apoio do povo grego", o seu país foi quen de "conservar a dignidade no día que talvez foi o máis importante desde que está na UE".

Comentarios