O cono do volcán da Palma rompe desatando unha coada “enorme” que se dirixe cara ao mar

Após abrirse un novo foco de erupción no volcán da Palma, o cono rompeu deixando unha coada enorme que se dirixe cara ao mar.

Imaxe do volcán (Foto: Ican)
photo_camera Imaxe do volcán (Foto: Ican)

O cono do volcán da Palma rompeu no mediodía deste sábado 25 de setembro, deixando unha coada enorme que se dirixe cara ao mar, segundo o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) que captou con imaxes de drons.

Nun vídeo difundido en redes, o xeólogo Carlos Lorenzo informou de que as imaxes mostran perfectamente que o cono está roto.

"Rompeu pola parte suoroeste e deixa unha coada enorme de bloques moi grandes desprazándose pola ladeira en dirección cara ao mar", explicou Lorenzo.

O anuncio do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España-CSIC chegou pouco despois de que o Instituto Volcanolóxico de Canarias (Involcan) alertase da apertura dun novo foco de emisión desde a súa conta de Twitter.

Este foco novo abriuse nas horas centrais deste sábado máis ao oeste do foco principal. Pola súa banda, a coada de lava que apareceu onte, sexta feira,  está a discorrer por encima da que saíu nos últimos días, sendo máis fluída e máis rápida que as primeiras coadas da erupción.

A lava cubriu desde que comezou a erupción no 19 de setembro un total de 190,7 hectáreas destruíndo até o momento 420 edificacións, ademais de 16 quilómetros de estradas, segundo os últimos datos do satélite do programa Copernicus da Unión Europea.

Comentarios