venres 14/08/20

O Congreso dos EUA aproba o 'impeachment' de Donald Trump

O presidente estadounidense afronta os cargos de "abuso de poder" e "obstrución ao Congreso". É o terceiro mandatario xulgado no Senado.
Unha activista en South Bend, Indiana, a prol do proceso de destitución de Trump [Europa Press]
Unha activista en South Bend, Indiana, a prol do proceso de destitución de Trump [Europa Press]

Ao tempo que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, voa en dirección a Battle Creek, no Estado de Michigan, para un tradicional mitin de Nadal, o Congreso debatía os dous cargos de impeachment na súa contra: o primeiro, por "abuso de poder" por presionar o Goberno de Ucraína para abrir dúas investigacións que o terían beneficiado na su campaña de reelección; o segundo, por "obstrución ao Congreso", como consecuencia das súas manobras para entorpecer a investigación parlamentaria. 

A histórica votación producirase á noitiña (madrugada na Galiza) despois dun debate de de seis horas ─que comezou pasadas as 10 horas (as 16 horas na Galiza)─, divididas por igual entre as e os congresistas dos partidos Demócrata e Republicano

O primeiro grupo impuxo a súa maioría na Cámara baixa e fixo entrar o presidente Trump nos anais da política estadounidense, ao se converter no terceiro dirixente en ser sometido a un proceso de destitución.

No entanto, ao igual que os dous primeiros ─Bill Clinton (1993-2001) e Andrew Johnson (1865-1869)─ é máis que previsíbel que Trump sexa absolto no Senado, onde é o Partido republicano o que conta coa maioría. 

"Ameaza á democracia"

O congresista demócrata Jim McGovern foi o encargado de iniciar o debate, estabelecendo as regras do impeachment a Donald Trump. McGovern asegurou que non se trataba dun "show", senón un momento "decisivo para a democracia". 

A súa intervención foi seguida pola do republicano Tom Cole, que afirmou que "os demócratas buscaron unha razón para iniciar un proceso de impeachment contra Donald Trump desde o día en que foi elixido" e "non lles importa onde leve o país"

Pola súa banda, a presidenta do Congreso, Nancy Pelosi, declarou que "estamos aquí para defender a democracia para o pobo", e recalcou que, de non actuar agora, estarán a fallar ao seu deber. Ademais, afirmou que "o presidente dos EUA é unha ameaza para a seguridade nacional e a integridade das eleccións", base da súa democracia.

Manifestacións

Na véspera do debate e da votación, numerosas persoas concentráronse en diversas cidades do país para exixir a imputación de Trump. Baixo o lema "Nobody is above the law" ("Ninguén está por riba da lei"), organizáronse máis de 600 manifestacións para presionar as e os representantes públicos de apoiaren o impeachment.

Ademais, na xornada previa á votación, o protagonista enviou unha carta a Nancy Pelosi. “Os acusados no xuízo ás bruxas de Salem tiveron máis xustiza", escribiu Trump, nunha dura misiva, en alusión ao proceso do século XVII en Massachusetts.

comentarios