Avanza no proceso de 'impeachment'

O Congreso dos EUA formaliza a acusación contra Donald Trump

A Cámara de Representantes estadounidense, tal e como se agardaba, decidiu acusar esta terza feira, 10 de decembro, o presidente do país de abuso de poder e de obstrución á Cámara baixa.
Jerrold_Nadler
photo_camera O xefe da Comisión Xudicial da Cámara baixa, Jerrold Nadler [Europa Press]

A Cámara de Representantes dos Estados Unidos, tal e como se agardaba, decidiu acusar onte o presidente do país, Donald Trump, de dous cargos ─abuso de poder e obstrución ao Congreso─, avanzando desta maneira no proceso de xuízo político ou impeachment contra o mandatario estadounidense.

Foi o xefe da Comisión Xudicial da Cámara baixa, Jerrold Nadler, o encargado de dar o anuncio. Nadler e Trump son 'íntimos inimigos' desde hai varias décadas, cando o primeiro era un representante estatal polo Upper West Side de Manhattan  e o segundo un importante promotor inmobiliario na Gran Mazá

"É unha ofensa procesábel para un presidente exercer os poderes do seu cargo co fin de obter un beneficio persoal inaxeitado, ignorando ou prexudicando o interese nacional", dixo Nadler. E iso é exactamente, explicou, o que fixo Trump cando "presionou Ucraína para que interferise nas eleccións presidenciais de 2020", ao respecto do cargo de abuso de poder.

Sobre o de obstrución ao Congreso, argumentou que "un presidente que se declara por riba da xustiza, por riba do pobo estadounidense e por riba do poder do impeachment do Congreso ─que está precisamente para protexer das ameazas as nosas institucións democráticas─ é un presidente que se considera por riba da lei".

A trama ucraína

Todo se iniciou coa publicación por parte do Wall Street Journal dunha información na que se aseguraba que Donald Trump presionara até en oito ocasións o recentemente elixido presidente ucraíno, Volodymyr Zelensky, para que traballase canda ao seu avogado Rudolph Giuliani en abrir unha investigación a Hunter Biden, fillo menor do ex vicepresidente demócrata, Joe Biden, e posíbel adversario de Trump na carreira á Casa Branca.

O 24 de setembro, coñecida a información filtrada por un confidente, a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, anunciaba a apertura dunha investigación de cara a un posíbel impeachment, que deu comezo o 13 de novembro coas audiencias das testemuñas.

A pasada quinta feira, 5 de decembro, Pelosi deu a orde de se redactaren os cargos de acusación e, finalmente, foron presentados onte oficialmente. 

Xuízo no Senado

O xuízo contra Trump sería no Senado ─tamén con maioría republicana─, que exercería de xurado. O papel do presidente do Tribunal Supremo equivalería ao de xuíz, e a Cámara de Representantes exercería de instrutor e fiscal. 

Para saír adiante, necesítanse dous terzos dos votos do Senado, isto é, todos os representantes demócratas e cando menos 20 dos republicanos, polo que é improbábel que prospere.

Comentarios