O Congreso do Perú aproba o adianto das eleccións xerais a abril de 2024

Rexeitamento progresista e dos movementos sociais á decisión dos congresistas conservadores de atrasar as eleccións até 2024, en contra das protestas populares, cuxa represión deixou 28 mortes.
Cartel nunha vixilia en Piura (Perú) na noite da segunda á terza feira, en solidariedade coas vítimas da represión. (Foto: Malú Ramahí)
photo_camera Cartel nunha vixilia en Piura (Perú) na noite da segunda á terza feira, en solidariedade coas vítimas da represión. (Foto: Malú Ramahí)

Por 93 votos a favor, 30 en contra e unha abstención, as forzas conservadoras no Congreso peruano aprobaron na madrugada da cuarta feira convocar eleccións xerais en abril de 2024 co pretexto de deseñar nese tempo reformas constitucionais. Así e todo, o adianto electoral fica pendente de que en 2023 o lexislativo ratifique por segunda vez a proposta.

Esta decisión foi moi criticada polas forzas progresistas e polos movementos sociais que lideran as protestas desde que o Congreso destituíu o ex presidente Pedro Castillo o pasado 7 de decembro, e que reclamaban que os comicios decorresen en abril de 2023 cun referendo para iniciar un proceso constituínte, como exixen as manifestacións, que tamén defenden a liberación de Castillo e a renuncia da actual mandataria, Dina Boluarte.

Nese sentido, denunciaron que os conservadores buscan impulsar a creación dun Senado e acabar coa prohibición de que os congresistas sexan reelixidos, e cuestionaron que dean prioridade aos seus intereses despois de que a represión da Policía e do Exército asasinara 28 persoas desde o comezo das marchas.

Pola súa parte, Boluarte nomeou o ministro de Defensa e responsábel das violacións aos dereitos humanos a mans dos militares, Alberto Otárola, como primeiro ministro, en substitución de Pedro Angulo, que estivo apenas once días no cargo. Angulo despediuse do posto xustificando -como fixera o Exército e Boluarte días atrás- os disparos contra os manifestantes, causa principal da inmensa maioría das mortes, que inclúen cinco menores de idade. “Traen xente de altura [zonas pobres e indíxenas] que non fala español, a Policía dilles algo que non entenden e seguen avanzando, e por iso acontecen estas desgracias”, chegou a afirmar.

Profundando no choque con México, que considera a Castillo o presidente do país, o Gabinete de Boluarte deu tres días ao embaixador mexicano en Lima, Pablo Monroy, para abandonar o país acusándoo de “inxerencia”. Pouco despois, a Secretaría de Relacións Exteriores de México organizou a saída de Monroy para “resgardar a súa seguridade e integridade física”.

Isto non impediu que Lima cedera as presións mexicanas para que outorgase un salvoconduto que permitise a familia de Castillo dirixirse a México, cuxas autoridades lle brindaron asilo. A ese respecto, onte aterraron no país norteamericano a compañeira e dous fillos do ex mandatario. O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, salientou que o país ten as “portas abertas” tamén a Castillo e a “todos os que se sintan acosados e perseguidos” no Perú.

Dereitos humanos

A delegación da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos reuniuse onte, no último día previsto da súa estancia no país, cos familiares dos asasinados nas protestas, tras unha xuntanza coa fiscal xeral, Patricia Benavides, unha das persoas chave na persecución do Poder Xudicial contra Castillo antes e despois de ser deposto, mobilizándose para conseguir a detención provisoria de 18 meses que o mantén en prisión por medio de métodos de dubidosa legalidade, sosteñen medios locais.

Arredor desta cuestión, o departamento de dereitos humanos da Organización das Nacións Unidas ofreceu a súa colaboración para “atopar unha saída que renove a cohesión social e a confianza nas institucións do país”, após denuncias de entidades en defensa dos dereitos civís no Perú, con múltiples probas, de disparos de balas e bombas lacrimóxenas directamente contra os manifestantes, torturas, detencións arbitrarias ou a negativa das autoridades a permitir que os arrestados reciban atención xurídica.

Ao tempo, especialmente nas zonas máis empobrecidas do país -as que levaron á Presidencia a Castillo-, non cesan os paros, protestas e feches de estrada, reiterando que continuarán a loitar até que sexan aceptadas as súas peticións.

Aínda así, cada día que pasa os militares tamén expanden a súa autoridade, ao ser “o único que sostén” no cargo a Boluarte, explica IDL-Reporteros. Nin o lexislativo, o xudicial ou os medios de comunicación masiva, sectores copados pola oligarquía, “poderían garantir a permanencia de Boluarte” tras 28 mortes, “as Forzas Armadas si”.

Comentarios