xoves 28.05.2020

O Congreso decide se autoriza a prórroga do estado de alarma

O pleno da Cámara Baixa debate na cuarta feira, 6 de maio, se ampliar o estado de alarma até o 24 de maio. 
Nadia Calviño, Carmen Calvo e Pedro Sánchez no Consello de Ministras (Imaxe Europa Press)
Nadia Calviño, Carmen Calvo e Pedro Sánchez no Consello de Ministras (Imaxe Europa Press)

O Consello de Ministras aprobou na súa reunión da terza feira, 5 de maio, unha nova prórroga do estado de alarma. Esta situación de excepcionalidade caduca na fin de semana e o Executivo quere estender a alarma, cando menos, até o 24 de maio. Porén, precisa dun apoio no Congreso que non ten de antemán. 

O Partido Popular non aclara se optará por tombar a prórroga  votando 'non' ou se a facilitará absténdose. Durante a sesión de control ao Goberno no Senado na terza feira, o presidente Pedro Sánchez lanzou ao PP unha última chamada: "O único instrumento que permite agora mesmo ao Goberno de España loitar contra a COVID-19, salvar vidas e defender a saúde pública é a prórroga do estado de alarma", dixo. 

Na mesma liña pronunciouse a ministra de Facenda, María Jesús Montero, que avisou de que "moitas" das medidas económicas aprobadas por decretos leis decaerían de forma "automática" se non hai prórroga, ao estaren  vinculadas a esa situación. 

A centralización non ten sentido, di o BNG

O Bloque Nacionalista Galego sinalou nun comunicado que "vai manter a actitude construtiva que veu mostrando" e que non se oporá á prórroga da alarma, mais indicou que "non poden avalar unha liña de acción en que o Goberno español persiste a pesar de se ter evidenciado como profundamente equivocada, polo que nos imos abster". O Bloque denuncia así o proceso de centralización "que supón decidir todo desde Madrid con criterios uniformes sen tomar en consideración as características e condicións de cada país. Un proceso que se constatou na práctica como e ineficaz á hora de aplicar o operativo na Galiza".

O Bloque considera que a centralización non ten sentido e é moi crítico coa decisión da Moncloa de desconfinar por provincias xa que na Galiza "non é funcional". Para o BNG, o ámbito de decisión na fase de desconfinamento progresivo debe ser a Galiza, reivindican, "a partir dos criterios xerais que poida marcar o Goberno español ou do seu papel de coordinación". 

EH Bildu, con argumentos semellantes aos do BNG, anunciou a súa abstención para non impedir a alarma mais si criticar a centralización. ERC, en cambio, xa anunciou o seu 'non'. O PNV, que tamén se postulara en contra, está agora estudando aprobar a prórroga se o mando único se partilla coas autonomías. 

As dereitas, ás voltas 

A vicepresidenta do Executivo estatal, Carmen Calvo, intensificou estes días as conversas coas e cos mandatarios das comunidades autónomas en mans do PP para intensificar a presión arredor do líder do partido, Pablo Casado.

Calvo falou co presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e este volveu dar unha reviravolta nas súas posicións, e amosouse agora "permisivo" con que se prorrogue o estado de alarma por un tempo, mais non sine die. Feixoo situárase en contra de prorrogalo, xa que para convocar os comicios galegos precisa que se levante a alarma.

De aí que, electoralismo en man, acepte agora estender a alarma por un tempo limitado para precisamente "dar tempo" a Pedro Sánchez a organizar a resposta á crise sen máis estados de alarma alén do 24 de maio. Tamén a popular Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, suxeriu dar "como moito" 15 días máis de alarma ao Goberno. 


Ciudadanos anunciou que votará 'si' logo de negociar co Goberno e que este recollera, segundo dixeron en Cs, as súas demandas para ir desvinculando as medidas económicas da necesidade de estar vixente a alarma. 

comentarios