O Congreso avala o indulto das presas e presos políticos cataláns

Nunha nova sesión de control ao Goberno español caracterizada polos indultos ás presas e presos políticos cataláns, o Congreso votou en contra da proposta do PP para oporse á medida de graza. Mentres, Pere Aragonès, presidente catalán, advirte de que ir a actos co rei non implica rebaixar as reivindicacións políticas.
Pedro Sánchez onte no Congreso xunto a Carmen Calvo e Yolanda Díaz. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez hoxe no Congreso xunto a Carmen Calvo e Yolanda Díaz. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

Ademais da sesión de control ao Goberno español desta cuarta feira, as deputadas e deputados no Congreso tiveron que votar algunhas das propostas que non puideron ser debatidas na terza feira, entre elas unha do Partido Popular para oporse á concesión do indulto ás presas e presos políticos cataláns, o tema que intentaron que protagonizara o debate do día.

Con 190 votos das forzas de Goberno e soberanistas catalás, vascas e galega, o pleno rexeitou a proposta do PP, na que quedaron co apoio de Vox, Ciudadanos, Foro e Unión do Pobo Navarro.

Pouco despois, comezou a sesión de control con Pablo Casado apuntando a Pedro Sánchez, presidente do Executivo estatal, que “non se pode caer máis baixo”, “mente sempre”, “xa até acepta o referendo [de autodeterminación en Catalunya]”, ou que para o socialdemócrata “o Estado de Dereito é vinganza".

Sen entrar directamente na cuestión, despois de filtrarse que o Goberno español prepara un pleno monográfico para abordar a cuestión no Congreso antes da concesión da medida de graza, Sánchez acusou Pablo Casado de atentar contra a “concordia” e sinalou que defenden “tanto a Constitución e a monarquía parlamentar" e que "mandan a señora Ayuso a dicir incongruencias sobre o papel do rei”.

Amais, o presidente estatal valorou desde a tribuna como positiva a viaxe onte do monarca a Catalunya.

Malia que nesta ocasión Pere Aragonès, presidente da Generalitat, non acudirá co rei á xuntanza anual do Cercle d'Economia, na sesión de control do Parlament, Aragonès defendeu que participarán en actos con el e mais con persoas "afastadas ideoloxicamente", mais advertiude que “defenderemos as nosas conviccións e non rebaixaremos nun un gramo o noso programa”.

Asemade, o president criticou que o Goberno estatal recorrera a lei catalá de regulación do alugueiro no Tribunal Constitucional, e chamouno a “abandonar posicións estériles de bloqueo e apostar por solucións” e non "escudarse en interpretacións restritivas da Constitución".

Instan o Goberno do Estado a desclasificar documentos do 23-F

O Pleno do Congreso aprobou hoxe a proposición non de lei presentada por BNG, ERC, Junts, PDeCAT, CUP e EH Bildu, e emendada por PSOE e Unidas Podemos -socios de Goberno-, na que chaman o Executivo estatal a modificar a Lei de segredos oficiais co fin de  desclasificar calquera material (escrito, sonoro ou audiovisual) relativo ao intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981.

A este respecto, unha proposta de reforma desta lei presentada polo PNV leva conxelada na mesa do Congreso un ano. O portavoz nacionalista vasco, Aitor Esteban, salientou que para desclasificar eses materiais non é preciso modificar esa lei franquista, senón que se trata dunha decisión do Consello de Ministros. “Se todo foi tan modélico, o que precisa agora a monarquía é esa desclasificación”, defendeu Aitor Esteban.

Comentarios