mércores 19/05/21

Congresistas dos EUA solicitan normalizar relacións con Cuba

Un grupo de 80 demócratas pediu ao presidente, Joe Biden, que reverta as "crueis" políticas de restrición impostas sobre a illa polo seu antecesor. Por outra banda, alertou de que obtivera "información" sobre un "posíbel complot"

EuropaPress_3469387_imagen_archivo_cuba_contexto_pandemia_coronavirus
A pandemia veuse a sumar ás sancións impostas por Washington (Xinhua / Zuma Press)

Un grupo de 80 congresistas demócratas enviou unha carta ao presidente dos EUA, Joe Biden, solicitando que reverta as "crueis" políticas de restrición impostas sobre Cuba pola Administración do ex presidente Donald Trump, segundo informou a axencia de noticias Bloomberg.

O texto, que pide renovar o diálogo "produtivo" co Goberno cubano, recordou ao mandatario que "cun trazo de bolígrafo pode axudar as familias cubanas en dificultades e promover un enfoque máis construtivo ao volver rapidamente á política de compromiso e normalización das relacións".

A misiva chega despois de que Biden ordenase unha revisión das políticas de Trump cara a Cuba. Esta análise está encabezada pola Axencia de Seguridade Nacional. Ademais, durante a súa campaña, Biden asegurou que levantaría algunhas das restricións á viaxe e ao comercios entre ambos os dous países e que renovaría as conversas diplomáticas.

Porén, isto podería toparse co rexeitamento de fortes sectores no Congreso. Os congresistas demócratas insistiron nos aspectos humanitarios e económicos e sinalaron que as "ordes executivas implementadas pola Administración Trump endureceron as sancións a niveis non vistos en décadas".

Estas restricións, segundo sostiveron, producíronse nun momento en que "os cubanos facían fronte a unha grave escaseza de alimentos e medicamentos exacerbada pola fechamento económico preventivo, algo que axudou a limitar a propagación do coronavirus".

Por iso defenden facer un "esforzo máis integral" para "afondar na normalización" das relacións. "Isto inclúe reiniciar o compromiso diplomático directamente co Goberno cubano, tanto nos niveis superiores como a través da reorganización das embaixadas respectivas de cada país", dixeron.

Complot do 4 de marzo

Por outra banda, o Departamento de Policía do Capitolio estadounidense alertou na cuarta feira, 3 de marzo, de que obtivera "información" sobre un "posíbel complot" dun grupo de milicias para asaltar o edificio hoxe mesmo.

O 4 de marzo é unha data sinalada desde hai meses. Os partidarios de QAnon cren que será cando Trump recupere o cargo, xa que até 1993 era o día en que os novos presidentes tomaban posesión (agora é o 20 de xaneiro).

comentarios