Confusión sobre o estado de saúde de Donald Trump

O presidente dos Estados Unidos asegurou nun vídeo publicado na súa conta de Twitter que se atopa "moito mellor" e que volverá pronto á campaña, despois de que fontes da Casa Branca indicasen que a saúde de Trump era "moi preocupante".
Partidarios de Donald Trump diante do hospital Walter Reed, onde permanece ingresado por coronavirus (Steven Ramaherison).
photo_camera Partidarios de Donald Trump diante do hospital Walter Reed onde permanece ingresado por coronavirus (Steven Ramaherison).

Donald Trump reafirmou que axiña estará de volta para finalizar a campaña e cualificou de "milagrosos" os tratamentos impartidos polos médicos que o atenden no hospital militar Walter Reed onde permanece ingresado, aínda que sinalou que os próximos días serán chave para ver como evoluciona a súa enfermidade.

Evolución favorábel

O médico do presidente, Sean Conley, compareceu este sábado para asegurar que  Trump "evoluciona favorablemente". "Leva 24 horas sen febre e satura a un 96 por cento", o que convida a un "cauto optimismo", dixo, sen concretar unha data para o seu regreso.

O asesor médico de Trump, Shaun Dooley, asegurou que o mandatario está a recibir coidado médico multidisciplinar. "Todas as funcións dos seus órganos son correctas e non ten problemas para respirar. Está excepcionalmente animado", engadiu.

Incoherencias

Conley precisou durante o primeiro parte médico oficial sobre a saúde de Trump que pasaran 72 horas desde o diagnóstico do contaxio por coronavirus do Presidente, o que situaría o positivo de Trump na pasada cuarta feira, non na sexta feira, como mantén a versión oficial, dous días de diferenza nos que completou senllos actos de campaña.

Explicou, ademais, que o Presidente se someteu "hai 48 horas" a unha terapia experimental de anticorpos, o que sitúa esa toma polo menos 24 horas antes do avanzado inicialmente.

Malia que o propio Conley matizou estes dous datos nun comunicado para axustarse á primeira versión oficial –afirmou que cando dixo 72 horas, referíase ao día tres, e cando dixo 48, referíase a día dous desde o diagnóstico- a confusión e as dúbidas sobre o estado de saúde de Trump non desapareceron.

A falta de precisión dos expertos médicos á hora de confirmar se o presidente dos EUA necesitou osíxeno e o feito de referirse ao tratamento de Regeneron como Regeron, acabou de agravar unha confusión que corroborou en declaracións á CBS unha portavoz da farmacéutica. Así, explicou queé é erróneo referirse ao cóctel que lle administraron a Trump como "anticorpos policlonais" como di o comunicado de Conley, senón que se trata de "dous anticorpos monoclonais". 

48 horas críticas

Pouco despois da rolda de prensa do equipo médico, transcendeu que desde a Casa Branca, o xefe de gabinete de Donal Trump, Mark Meadows, achegouse aos xornalistas que seguen habitualmente ao día a día do Presidente para informar de que o estado de saúde de Trump é "moi preocupante" e que "as próximas 48 horas serán críticas".

Comentarios