Os conflitos armados entre 2005 e 2022 deixaron 120.000 crianzas mortas ou mutiladas

Máis de 30.000 crianzas foron secuestradas no marco de conflitos armados en Asia, África e América Latina.
Atención médica a unha crianza no Sudán após o inicio da guerra. (Foto: Jattab Obaid / Unicef)
photo_camera Atención médica a unha crianza no Sudán após o inicio da guerra. (Foto: Jattab Obaid / Unicef)

Até 315.000 violacións graves dos dereitos da infancia en situacións de conflito foron rexistradas pola Organización das Nacións Unidas (ONU) entre 2005 e 2022, desvelou un informe divulgado a segunda feira polo Fondo da ONU para a Infancia (Unicef) en paralelo ao comezo en Oslo, Noruega, da Conferencia para a protección de crianzas en conflitos armados, que ten previsto rematar a terza feira.

Despois de facer seguimento a máis de 30 conflitos armados en África, Asia e América Latina, Unicef apunta que máis de 120.000 crianzas morreron ou resultaron mutiladas nese lapso de tempo, ao que hai que engadir 105.000 nenas e nenos recrutados ou forzados a combater, máis de 32.500 que sufriron un secuestro e máis de 16.000 vítimas de violencia sexual.

Os datos de Unicef tamén detallan que se produciron neses 18 anos máis de 16.000 ataques contra centros escolares ou hospitais, e elevan a máis de 22.000 os casos de negación de axuda humanitaria a menores de idade, advertindo que a cifra real é probabelmente maior, así como que estes números van acompañados de millóns de desprazamentos adicionais para fuxir da violencia ou de separacións de familias.

Falta de financiamento

Non obstante esta situación, a institución advirte do déficit no financiamento da axuda brindada para a protección de crianzas afectadas por conflitos armados, que ao ritmo de recadación actual alcanzará 779 millóns de euros en 2024 e 887 millóns en 2026, o que limita a capacidade de actuar para evitar os efectos das guerras nas persoas menores de idade ou que se traduza nunha alza do traballo infantil, a trata e a violencia.

A directora executiva de Unicef, Catherine Russell, aseverou que “calquera guerra é, en última instancia, unha guerra contra a infancia”, subliñando que “o mundo non está a facer o suficiente”.

Persecución dos responsábeis

Nese sentido, a entidade reclamou aos Executivos do mundo que leven á práctica as normas internacionais para defender as crianzas desta situación, acabar coa súa participación nas partes dos conflitos e por fin ao uso das armas explosivas en zonas poboadas, cun incremento dos fondos para protección da infancia nos conflitos e exixindo responsabilidades aos responsábeis das violacións dos dereitos da infancia.

Comentarios