Confírmase a coalición de Goberno en Irlanda entre dereita e Os Verdes

2020061514401947763
photo_camera No centro, o líder do Partido Verde, Eamon Ryan, rodeado por dous dos ministros en funcións (Europa Press)

O Fine Gael do primeiro ministro en funcións, Leo Varadkar, e o partido opositor Fianna Fail, que lidera Micheál Martin, negociaban na segunda feira, 15 de xuño, os últimos detalles da coalición de Goberno, grazas a un acordo cos Verdes, novo aliado da dereita irlandesa, para impediren que a esquerda do Sinn Fein, gañador das eleccións organizadas en febreiro, asuma o poder.

Espérase que os líderes das tres formacións políticas ratifiquen oficialmente nas vindeiras horas o pacto alcanzado despois das reunións mantidas durante toda a fin de semana, que se estenderon á segunda feira, pondo punto e final a unha negociación prolongada durante máis dun mes.

O programa dará cabida a unha serie de reivindicacións dos ecoloxistas, como mellores políticas ambientais, entre estas un financiamento adicional do transporte público; máis e mellores infraestruturas para o uso da bicicleta; un aumento do imposto ao carbón,  e un avance significativo das reducións das emisións de dióxido de carbono de 7% ao ano até 2030.

Non obstante, segundo informou The Irish Times, existían diferenzas entre os tres partidos acerca de temas como a redución de impostos ou sobre a lexislación a respecto do veto á importación a Israel de bens producidos nos territorios ocupados de Palestina. 

Presidencia rotatoria

Nunha comparecencia na segunda feira ante os medios de comunicación, Varadkar confirmou que acordara con Martin as datas da que será unha presidencia rotatoria entre os dous políticos. O líder do Fine Gael e actual taoiseach confirmou que o seu rival político e agora socio de coalición ha ser o que primeiro asuma o cargo. 

A respecto dun dos temas máis controvertidos durante as negociacións, Varadkar anunciou que finalmente a idade de xubilación non subirá até os 67 anos en 2021. O Fine Gael era partidario desta medida, que inclúe a suba até os 68 para 2028, mais impúxose a visión do Fianna Fail, tal e como tamén confirmou o  portavoz de asuntos económicos, Micheal McGrath.

O acordo de Goberno, manifestou Varadkar, leva consigo un "forte paquete de medidas económicas e de creación de emprego". Tamén, outro impositivo, "que podería chegar até os 6.000 millóns de euros", vinculado aos incrementos nas ganancias. 

Polo seu lado, Martin asegurou na segunda feira que "os principais problemas foron resoltos". "O programa tal e como está formulado representa unha nova e significativa mudanza en termos de políticas públicas, nomeadamente a respecto de vivenda, sanidade, educación e cambio climático", engadiu.

"Dano ao ecoloxismo"

Para o Sinn Féin o acordo tripartito suporá o "maior Goberno de centro-dereita" que Irlanda viu en tempos recentes. Ademais, considera que o apoio dos Verdes fará "un dano notábel ao movemento ambientalista".

Para o segundo da formación nacionalista, Pearse Doherty, o acordo "non cambia o que o pobo votou". "Nestes partidos, nomeadamente Fine Gael e Fianna Fáil, non se pode confiar. Foron eles quen crearon moitos dos principais retos que temos en termos de sanidade e vivenda". 

Doherty sinalou que agora o partido "agardará e verá" como discorren as votacións, e que o Sinn Féin tentará formar Goberno de novo en caso de que a coalición non sexa ratificada polo Lexislativo, onde deberá lograr polo menos o apoio das dúas terceiras partes dos grupos parlamentarios no Oireachtas.

Comentarios