A confianza transatlántica continúa rota

Case a metade dos franceses, dos alemáns e dos italianos cren que EUA xa non é o actor máis influínte na política internacional. E, sobre todo, unha ampla porcentaxe da poboación francesa –e especialmente da alemá– non o ve un socio fiábel. A reputación da China sobe lixeiramente, sobre todo entre as persoas máis novas.
biden_european-council
photo_camera Un momento do Consello Europeo do pasado 25 de marzo, que contou coa presenza de Joe Biden (Foto: Nós Diario)

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, inicia mañá a súa primeira viaxe internacional. Europa é o lugar elixido para esta simbólica saída coa que se pretende emendar os lazos rotos durante os catro anos de estadía de Donald Trump na Casa Branca. Unha viaxe "chea de reunións con moitos dos nosos máis achegados aliados", apuntaba o propio Biden nunha columna de opinión publicada esta fin de semana en The Washington Post.

Entre estas xuntanzas inclúese unha do G7 (o grupo das sete maiores potencias económicas do mundo); e outras no marco da OTAN. Tamén cos representantes das institucións da UE e, finalmente, o encontro co presidente de Rusia, Vladimir Putin, o 16 de xuño na cidade suíza de Xenebra. 

Para Biden e o seu Executivo, o obxectivo é claro e resúmese no título da súa columna de opinión: "A miña viaxe a Europa trata sobre os EUA unindo as democracias do mundo". Unindo e liderando, na liña do xa anunciado en febreiro pasado, ao pouco de asumir o cargo, no seu primeiro discurso á comunidade internacional: "Os EUA están de volta"

Porén, semella que de cara á opinión pública das democracias occidentais, Biden ten moito traballo por diante para recuperar a posición preeminente que o país norteamericano tivo en Europa nos últimos tempos, a partir da fin da Segunda Guerra Mundial.

A vella Europa

Así o reflicte o estudo publicado onte, elaborado conxuntamente polo German Marshall Fund e pola Fundación Bertelsmann. O primeiro é un centro de estudos estadounidense de política internacional dedicado a promover a cooperación entre Norteamérica e Europa. A segunda tamén ten unha óptica atlantista, desde unha visión capitalista das relacións.

Estados Unidos, segundo este informe, continúa a ser a potencia dominante en 11 dos países a análise. Porén mantense lonxe da aceptación que xeraba no pasado; e nestes case cinco meses de Goberno, Biden non recuperou a baixada sufrida como consecuencia da xestión da pandemia. 

A sondaxe, realizada entre o 29 de marzo e o 13 de abril, contou cunha mostra de 1.000 adultos e cada un dos territorios seleccionados: Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Francia, Italia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, Suecia e Turquía.

Onde hai unha percepción maior da influencia que os Estados Unidos teñen na política internacional é nos propios Estados Unidos (81%, cinco puntos máis que en 2020). Seguen o Canadá (68%) e España (65%, a cifra máis alta en toda Europa). Na zona media están Turquía (63%), Suecia (63%), Polonia (62%) e o Reino Unido (58%). E onde menos, en Francia (56%), Alemaña (55%) e Italia (51%). 

Francia e Alemaña ofreceron resultados moi similares a metade de pandemia, antes da entrada en escena de Biden, con 55% e 54%, respectivamente. Unha cifra que en ambos os dous Estados era uns dez puntos maior no mundo precovid-19.

Un dos datos máis salientábeis do estudo e o que reflicte que só 51% dos alemáns ven Estados Unidos como un socio fiábel. Cifra que chega até 60% en Francia, 64% en España, 67% no Reino Unido e ─o máximo─ 76% en Polonia. Mentres, apenas 23% dos turcos confían no Goberno estadounidense. 

Anódina UE

Desde a outra beira do Atlántico, a UE é apreciada como un socio fiábel por 75% dos canadenses, 69% dos estadounidenses. Cifra que se reduce a 51% no Reino Unido e a 39% en Turquía. Este último país é o que peor datos ofrece nos 11 territorios, especialmente en Alemaña e Francia.

Con todo, a respecto da súa influencia global, a UE mantense moi por baixo dos Estados Unidos e tamén por detrás da China para a cidadanía dos 11 socios transatlánticos. De media, EUA lidera con 62%, seguida pola China (20%) e pola UE (14%). Rusia ocuparía o cuarto posto (4%), coas porcentaxes máis altas en Turquía (6%) e Polonia (6%). 

E dentro de Europa, Alemaña é considerado con moita diferenza o Estado máis influínte. Até 60% das persoas consultadas así o consideran. Segundo sería o Reino Unido (19%) e terceiro Francia (7%). Porén, tanto estadounidenses como canadenses cren que é o Reino Unido a potencia europea máis influínte. España (81%), Italia (79%) e Polonia (75%) son os que teñen esa maior percepción sobre Alemaña, por riba dos propios alemáns (71%). 

A Ruta da Seda mellora a imaxe da China

A China consolídase como a segunda potencia máis influínte. Francia (28%), Países Baixos (27%) e Italia (32%) son os que ofrecen datos máis altos neste apartado. No polo oposto, Suecia (14%), Polonia (15%) e Reino Unido (15%). 

A respecto da valoración da influencia das súas políticas no mundo, é maioritariamente negativa nos 11 países. Considérano así 67% dos alemáns, 63% dos canadenses e 62% dos suecos. Os mellores datos rexístranse en Turquía (34% de valoración positiva), Polonia (35%) e Italia (36%) ─tres países que fan parte da iniciativa das "Novas Rutas da Seda" impulsada por Beijing─. Mais é España, con 37%, onde a China logra mellor nota. 

Ademais, en xeral, a imaxe chinesa mellora entre a poboación máis nova (especialmente entre 18 e 24 anos) e vai empeorando progresivamente nas faixas de máis idade. Por partidos políticos, os Verdes alemáns (81%), o Movemento 5 Estrelas italiano (68%) ou o Partido Republicano estadounidense (63%) están entre os que teñen peor imaxe da influencia política da China no mundo.

Comentarios