Estas son as condicións que Rusia impón a Ucraína para pór fin á guerra

"Aos ucraínos díxoselles que todo isto podería deterse nun momento", afirmou o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov.
Militares rusos en Armyansk, no norte da península de Crimea, cuxa adhesión a Rusia é unha das condicións do Kremlin para pór fin á invasión (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Militares rusos en Armyansk, no norte da península de Crimea, cuxa adhesión a Rusia é unha das condicións do Kremlin para pór fin á invasión (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, apuntou esta segunda feira que Rusia estaría disposta a pór fin á invasión de Ucraína e retirar as súas tropas se o Goberno de Volodimir Zelenski aceptase unha serie de condicións.

"Rusia informou Ucraína de que pode pór fin á operación en calquera momento se Kiev cumpre as condicións de Moscova. A eles [os ucraínos] díxoselles que todo isto podería deterse nun momento", dixo Peskov, segundo recollen a axencia Reuters e Russia Today.

A primeira condición, reiterada desde que en 2014 estoupou o conflito bélico en Ucraína, é que Kiev renuncie definitivamente á península de Crimea e recoñeza a súa adhesión á Federación Rusa.

En segundo lugar, a raíz do recoñecemento por parte da Duma estatal rusa e do Kremlin a mediados de febreiro, está o recoñecemento da independencia das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, na rexión do Donbás.

"Non lle estamos quitando Donetsk e Lugansk a Ucraína, xa que non queren ser parte de Ucraína. Mais iso non significa que deban ser destruídas", xustificou o portavoz do Kremlin.

Aliás, Ucraína debería mudar a súa Constitución para "renunciar ás súas pretensións de unirse a calquera bloque", isto é, rexeitar a entrada do país na Unión Europea e máis na OTAN.

Mais, ante todo, Peskov insistiu na necesidade de pór fin á "resistencia armada ucraína". "Estamos concluíndo a desmilitarización de Ucraína, e ímolo conseguir, mais se deteñen agora a súa acción militar ninguén seguirá disparando", afirmou.

Comentarios