Condenan como autor intelectual do asasinato de Berta Cáceres o presidente da hidroeléctrica contra a que loitaba

Cinco anos despois do asasinato da activista polo medio ambiente e os dereitos dos pobos indíxenas Berta Cáceres, a Xustiza hondureña condena o autor intelectual, o presidente da empresa que pretendía construír o encoro, e resérvase a opción de seguir investigando a familia propietaria da empresa.
Celebración en Tegucigalpa despois do anuncio da condena ao presidente naquela altura de DESA. (Foto: Delmer Membreno / dpa)
photo_camera Celebración en Tegucigalpa despois do anuncio da condena ao presidente naquela altura de DESA. (Foto: Delmer Membreno / dpa)

“Unha vitoria dos pobos do mundo que acompañaron este proceso, da comunidade solidaria e dos dereitos humanos”, así definiu Berta Zúñiga, unha das fillas da asasinada Berta Cáceres, o fallo unánime da Sala I do Tribunal de Sentencia con Xurisdición Nacional de Honduras, que declarou culpábel esta segunda feira a David Castillo, presidente executivo naquela altura de Desarrollos Energéticos S.A (DESA), empresa que construía o encoro ao que se opuña Cáceres.

O xérmolo da condena como coautor do asasinato de Castillo é o encoro Agua Zarca, que afectaba directamente o río Gualcarque e o territorio do pobo lenca, que ademais de formar parte vital da súa supervivencia é considerado sagrado.

A construción, impulsada pola empresa propiedade da familia Atala Zablah, atopou a resistencia de Cáceres, do povo lenca, dos pobos indíxenas e dos movementos ecoloxistas, agrupados no Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras (Copinh), fundado pola activista en 1993 e no que era coordinadora.

A importancia do seu traballo para paralizar as obras do encoro e a animadversión contra DESA froito das compaña nacionais e internacionais, como recoñeceron as maxistradas e maxistrados do caso, levou a que Cáceres fora perseguida durante anos, recibindo medidas provisionais de protección da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos desde 2009 a par que recoñecementos internacionais como o premio Goldman.

Mais, isto non evitou que fora asasinada a tiros o 3 de marzo de 2016 cando durmía na súa casa na cidade da Esperanza, departamento de Intibucá, no oeste de Honduras.

Primeiro xuízo

En novembro de 2018, sete persoas recibiron un veredicto de culpabilidade polo asasinato de Cáceres, entre eles Douglas Geovanny Bustillo, xefe de seguridade de DESA e tenente do Exército hondureño condenado a 30 anos de prisión, que fora adestrado polas forzas armadas dos Estados Unidos. Así como dous militares máis.

O Tribunal Penal Nacional nunha resolución unánime sentenciou que foran contratados por DESA para executar a defensora do medio ambiente e dos dereitos dos pobos indíxenas, debido as perdas financeiras provocadas pola loita polos dereitos humanos da coordinadora de Copinh.

Autor intelectual

En marzo de 2018, o presidente executivo de DESA, David Castillo, intentaba abandonar Honduras cando foi detido no aeroporto de San Pedro Sula como suposto autor intelectual do crime.

A sentenza do tribunal confirma que o ex presidente de DESA e oficial de intelixencia do Exército de Honduras que recibiu adestramento en Estados Unidos, “ordenou a morte de Cáceres como parte dun plan para eliminar calquera obstáculo que interferira coas operacións de DESA sobre o río Gualcarque, territorio ancestral do pobo indíxena lenca”.

Despois da revisión dos seus móbiles, a maxistratura considera probado que organizou e coordinou o asasinato, mantendo contacto permanente cos condenados e co resto de directivos da empresa.

O 3 de agosto está convocada unha audiencia na que o tribunal comunicará a condena a Castillo, o delito de coautor de asasinato está penado no Código Penal hondureño con entre 20 e 25 anos de prisión.

A declaración de Castillo como coautor intelectual do crime permite ao tribunal seguir investigando, o que foi celebrado pola Conpinh, que defende levar a xuízo á familia Atala Zablah, que consideran os verdadeiros responsábeis do asasinato.

"As estruturas de poder non lograron corromper a xustiza"

Para Berta Zúñiga, “o fallo significa que as estruturas de poder non lograron corromper a xustiza”, e reclamou que se siga investigando a familia Atala Zablah, propietaria de DESA. Asemade exixiu a cancelación definitiva da construción do encoro Agua Zarca, e que se desmonten as redes criminais que quedaron expostas no xuízo.

Comentarios