Condenan a morte a Mohamed Mursi, o presidente exipcio deposto por un golpe militar

O Tribunal Penal do Cairo considerouno culpable de filtrar secretos de Estado. Mursi foi condenado en abril a 20 anos de prisión pola represión durante unhas protestas en 2012.

Mursi Exipto
photo_camera Mursi protesta nun xuízo


O anterior presidente de Exipto, Mohamed Mursi, foi condenado a morte este sábado por filtrar secretos de Estado. O Tribunal Penal do Cairo ditou esta sentenza contra Mursi e 130 procesados pola fuga dunha prisión durante a revolución de 2011, que derrocou o entón mandatario Hosni Mubarak.

O Tribunal remitiu o fallo ao muftí, máxima autoridade relixiosa do país, que valorará a condena. O mesmo xulgado terá que ratificar a sentenza o próximo 2 de xuño.

Mursi defende que é o “presidente lexítimo” do país, despois de que un golpe militar, orquestrado polo xefe do Exército e actual presidente, Abdelfatah al Sisi, e home forte do réxime de Mubarak, o apartara do poder en 2013. 

Mursi foi condenado en abril a 20 anos de prisión, declarado culpable do uso da forza, da violencia, a retención ilegal e as torturas durante as protestas fronte ao palacio presidencial en 2012. O expresidente ten pendente outros dous xuízos.

Dende o seu derrocamento, o movemento dos Irmáns Musulmáns, que gañou as eleccións con Mursi ao fronte, é perseguido polas autoridades e declarado grupo terrorista.

Comentarios