Condenan o golpe de Estado na República de Guinea

A reacción internacional ao golpe de Estado da sección de elite do Exército guineano é de condena, exixindo a liberación do presidente e até ameazando con sancións internacionais.
O presidente deposto, Alpha Condé, despois de ser detido. (Foto: Twitter)
photo_camera O presidente deposto, Alpha Condé, despois de ser detido. (Foto: Twitter)

Despois do golpe de Estado encabezado o domingo polas Forzas Especiais do Exército da República de Guinea, que detiveron a Alpha Condé, presidente desde 2010, tanto a Organización das Nacións Unidas (ONU) como diversos Estados, condenaron a ruptura da orde constitucional no país localizado no oeste de África.

Unha vez que transcenderon os primeiros detalles da toma dos edificios gobernamentais, Antonio Guterres, secretario xeral da ONU, recriminou a actuación dos militares e reclamou a liberación de Condé. A mesma posición expresou o voceiro da Unión Africana, Felix Tshisekedi, tamén presidente da República Democrática do Congo.

Outra institución continental como a Comunidade Económica dos Estados de África Occidental, encabezada polo primeiro ministro de Ghana, Moussa Faki Mahamat, ameazou con sancións se non se restaura a orde constitucional.

Esta segunda feira, foi o ministerio de Exteriores ruso quen amosou o seu rexeitamento, seguido dos Estados Unidos, a Unión Europea e Francia, de quen se independizou en 1958.

Despois do golpe

Os reportes de tiroteos na contorna da sede presidencial, situada na capital, Conakry,  comezaron na mañá do domingo, entre informacións confusas, por unha parte, a sección de elite das Forzas Armadas guineanas comunicou por medio do seu xefe e novo home forte do país, o coronel Mamady Doumbouya, a toma do poder. Mentres, o Ministerio de Defensa mantiña que os asaltantes foran rexeitados.

Ao confirmarse a detención de Condé, que foi enviado á base de Makombo, na capital, Doumbouya asegurou que dirixía “unha acción inaugural para crear as condicións para un Estado de dereito”, criticando a xestión do Executivo por manter nunha minoría os beneficios da explotación mineira.

O medio Al Jazeera informa de celebracións nas rúas da cidade unha vez ratificado o cambio de poder.

O líder militar tamén anunciou unha reunión onte pola mañá co Goberno deposto, así como a liberación dos presos políticos, a meirande parte deles na cadea despois do conflito en 2020 pola segunda reelección de Conté, denunciada como ilegal pola oposición e froito da fraude electoral

Comentarios