Condenan a 80 anos de prisión o ex-dictador guatemalteco Ríos Montt por xenocidio indíxena

A xustiza condena a Efraín Ríos Montt, ex-dictador de Guatemala, a 50 anos de prisión por xenocidio e a outros 30 por crimes de lesa humanidade. Montt cualificou a condena de "show político" e atribúea a un complot estranxeiro

Mulleres ixiles no xuizo a Montt
photo_camera Mulleres ixiles no xuizo a Montt

Guatemala. “Lugar de moitas árbores” en náhuatl. Nos libros estúdase que limita ao este e ao norte con México, ao este con Belice e o golfo de Honduras, ao sur con El Salvador, e ao suroeste co océano Pacífico. Na realidade, e entre 1960 e 1996, Guatemala limitou ao norte co inferno, ao leste co inferno, ao oeste co inferno e ao sur co inferno. Guatemala era o inferno. 200.000 asasinad@s, na práctica maioría indíxenas desarmad@s, ducias de milleiros de torturad@s e violadas. E hai aínda 45.000 desparaecid@s. Todo valía para frenar o comunismo.

Pequenos países, grandes coraxes escribira Reixa, Guatemala é un país pequeno onde as masacres e xenocidios do exército e paramilitares non foron quen de apagar a coraxe, personificada nas indíxenas: masacradas, violadas, torturadas. Esa coraxe foi a que vén de permitir que Rios Montt sexa condenado a 50 anos de prisión por xenocio e 30 máis por crimes de lesa humanidade.

Exterminar a poboación para acabar coa guerrilla

Entre 1960 e 1996 Guatemala foi moito máis que un laboratorio contra a insurxencia. Foi unha guerra de exterminio contra a poboación, indíxena, para cortar as bases de apoio á guerrilla (URNG) que combatía pola liberación nacional, soñando con erguer unha nova Nicaragua (eran os tempos do sandinismo) onde só había inferno.

E Ríos Montt foi unha peza imprescindíbel nesa maquinaria de matar, matar e matar que era o exército e os escuadróns da morte. Houbo perto de 700 masacres: matanzas de tod@s @s membros dun poboado indíxena, desde @s recéns nad@s até os anciáns. Poucos erguían a voz mesmo a nivel internacional.

Comentarios