Oriente Próximo

Cinco condenados a morte polo asasinato do xornalista saudita Jamal Khashoggi

Saud al-Qahtani, ex asesor do príncipe herdeiro, Mohamed bin Salman, ─considerado o instigador do crime─ foi liberado sen cargos na súa contra.
shalaam
photo_camera O portavoz da Fiscalía saudí comunica aos medios a sentenza [Europa Press]

A Fiscalía Xeral de Arabia Saudí anunciou onte que cinco persoas acusadas do asasinato do xornalista Jamal Khashoggi foron condenadas á pena de morte. No entanto, Saud al-Qahtani, ex asesor do príncipe herdeiro, Mohamed bin Salman, foi finalmente liberado ao non seren presentados cargos na súa contra, informan as axencias internacionais.

Na lectura do fallo xudicial, o voceiro da Fiscalía, Shalaan Shalaan, sinalou que outras tres persoas acusadas de estaren implicadas nos feitos foron sentenciadas a penas que suman 24 anos de prisión.

 Khashoggi morreu a mans de funcionarios sauditas dentro do Consulado do país árabe na cidade turca de Estambul. O xornalista, crítico co réxime e especialmente coa xestión de Mohamed bin Salmán (entre outros temas, opúxose á intervención no Iemen), acudiu ás dependencias consulares o 2 de outubro de 2018, co fin de tramitar a documentación necesaria para poder casar coa súa prometida, e xa nunca máis volveu saír con vida. 

"Antítese da xustiza"

Segundo informara a prensa turca, os restos mortais de Jamal Khashoggi nunca chegaron a aparecer xa que, supostamente, o seu cadáver foi desmembrado e sacado secretamente da legación diplomática. O asasinato de Khashoggi provocou as críticas internacionais. A CIA e algúns gobernos occidentais sinalan o príncipe herdeiro como o indutor do asasinato.

Segundo afirman persoas expertas na materia, o proceso foi "a antítese da xustiza". A relatora da ONU sobre dereitos humanos Agnes Callamard, nun fío no Twitter, desenvolve esa valoración, que resume cun "os executores son culpábeis e condenados a morte. Os indutores non só saen libres, senón que apenas foron investigados".

Comentarios