Condenada a un ano de prisión por ''enaltecemento'' após pedir no Twitter a volta dos Grapo

A sentenza contra Alba González, ditada pola Audiencia Nacional española sinala que a moza, de 21 anos, enviou polo menos 20 chíos "de contido radical e violento".


"O PP ensinoume que aínda fan moita falta os Grapo". Foi o chío que motivou a denuncia da fiscalía da Audiencia Nacional española contra Alba González, unha moza de 21 anos moi activa na rede social Twitter con mensaxes de contido político.

Esta segunda feira, González foi condenada a un ano de prisión e sete de inhabilitación por un delito de "enaltecemento do terrorismo" polo cal a fiscalía reclamaba dous anos de cárcere por considerar que as súas publicacións tiñan "un contido ideolóxico de elevado carácter radical e violento".

Entre as acusacións contra esta muller estaba tamén o feito de ter colocado como foto do perfil na rede social o anagrama da organización armada. Por volta de dúas decenas de chíos do tipo "Andrea Fabra, ogallá veñan os Grapo e te poñan de xeonllos" --en referencia á deputada que berrou "que se fodan!" cando Rajoy anunciou o recorte na prestación das persoas desempregadas--; "Prometo tatuar a cara de quen lle pegue un tiro na caluga a Rajoy e outro a De Guindos"; ou "O alto que voou Carrero Blanco non é nada comparado con como vai acabar Rajoy cando estale a revolución" foron xulgados como proclamas que "ensalzan a actividade terrorista". 

Comentarios