CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA (VI)

Con boa letra

Roger Torrent ten boa letra. Hai moitos xeitos de dicir grazas, pero cando alguén ten que recorrer a este tipo de xiros logo de recibir unha carta é, ou ben porque quere ser irónica ou ben porque emocionalmente está moi tocada. Tamén é certo que, simplemente, pode estar sorprendida, polo tópico de que a caligrafía dos tíos tende a ser máis ilexíbel que a das tías Mais se quen fala é Dolors Bassa, após un mes de ter saído da cadea, é obvio que é o corazón quen dicta as palabras.

IMG-20171217-WA0032

Dolors entrou en prisión canda Oriol Junqueras, Jordi Turull, Raül Romeva, Meritxell Borrás, Joaquim Forn e Carles Mundó, que se sumaron aos Jordis, apreixados con anterioridade por supostos delitos de rebelión e sedición. E saíu xunto os ex consellers Romeva, Mundó, Rull e Turull. Os dez está confirmado xa que foron privados de liberdade por un xuízo político, por unha decisión política do propio presidente Rajoy. A vicepresidenta do goberno, Soraya Saénz de Santamaría, veu recoñecelo, e mesmo gabarse da medida, nun acto do PP en Girona, paradoxalmene a provincia pola que se presenta Dolors. 

E Dolors conta nun mitin en Figueres, agora que por fin foi quen de se reincorporar á campaña, que Roger lle escribiu sobre cousas tan cotiás como a paisaxe, “cousas que estimas e das que te aíllan cando perdes a liberdade”. Cousas nas que pensas e botas infinitamente de menos porque es humana, porque es persoa e, sobre todo, porque es inocente. Mais cantos temos reparado no ponto de vista máis persoal dos presos, en xeral, e dos presos políticos en particular? 

Mentres a lóxica á que conduce o relato interesado da campaña leva a interiorizar, sen máis, que os “condenados” seguen a voltas co procés, pero entre reixas; a realidade está aí fóra e non é precisamente un expediente X: é a vida, que pasa e faino con ausencias. Ausencia dos fillos, dos compañeiros, da familia, dos amigos, do pobo… desa paisaxe sobre a que decidiu escribir Roger por algo tan simple e que semella tan difícil de transmitir: son persoas que se adican á política, si; pero non son a política. “E isto é ERC”, asegurou Dolors, "compañeiros que tanto che escriben con boa letra como asumen a responsabilidade que lles toca máis a túa, inclusive cando xa estás na casa, porque entenden e respectan o que pode supor vital e animicamente unha experiencia tan traumática como a vivida”. 

Xente normal

 

“Somos un partido de boa xente”, conclúe, con humildade e dende a víscera, que as emocións non se escriben nos argumentarios. Nos argumentarios si que se escribiu nesta campaña, e moito, sobre outro tipo de xente, a “normal” fronte á que non o é, unha categorización tan politicamente incorrecta como perigosa, advertiu Torrent no mesmo mitin. Un xeito de dividir a sociedade entre “quen non pensa coma ti –como os monárquicos, obviamente-“ e quen se entrega ao “borreguismo” para poder pertencer a esa suposta “normalidade” e que toda fique en orden. O candidato que escribe ben tirou tamén de boa oratoria para poñer algún exemplo de cómo este plantexamento non conduce a nada bo, salvo ao fascismo. Ou como chamar, senón, a preocupación de Ciudadanos por que exista un número tan elevado de mestres e profesores en Catalunya con carnet de militantes de ERC e a súa intención de “depurar” os Mossos após do 21D por mor das “mazás podres”? 

IMG-20171217-WA0025

Roger só puido poñer estes exemplos en Figueres, mais a lista dende aquela xa foi medrando e en tan só un par de días xa escoitamos, de boca de todas as forzas do bloque unionista, os distintos tratamentos fronte á suposta “anormalidade”: desinfección sobre todo entre os xornalistas dos medios públicos; liquidación do que quede de independentismo; lepenización … Como diría Ana Pastor: estes son os feitos, súas as conclusións; pero as palabras din cousas e, neste caso, non son cousas precisamente boas ou propias dos tempos nos que estamos. 

Mais ERC ten un mandato claro, que Oriol Junqueras segue a lembrar dende a cadea sen sucumbir á linguaxe belixerante, ao rancor, á derrota ou a crispación e que a Dolors fai chegar: “Por favor, non descansedes nin un segundo até gañar a liberdade, somos o froito de moitas derrotas que agora lles toca ser semente de moitas vitorias”.

Como no caso da ex conseller, tampouco se trata de explotar o recurso da compaixón; é sentimento e coherencia en estado puro, por iso remata o acto entre aplausos e ovación, case persoais e intransferíbeis.

Emocións contidas

 

Un peche, uns actos máis íntimos que os doutras campañas cecais máis épicas, porque o grao de excepcionalidade e de cóctel emocional que ten esta nunca se tiña vivido. Así, no mínimo, é como o ve e como o conta o candidato unha vez recollidos os trastos, un intercambio rápido de pareceres co xefe de prensa e de volta ao coche a sumar quilómetros. É sexta feira e Figueres non está moi lonxe de Sarriá de Ter, así que o mesmo aínda chega con algo de tempo para pillar as nenas despertas e desfrutar un pouco da familia. 

As nenas son dúas, Elna (7) e Ada (5). Ada porque si, non pola alcaldesa e Elna como lembranza da Maternidade que acolleu o nacemento de 400 bebés de nais refuxiadas da Guerra Civil, que estaban internadas en campos de concentración do sureste de Francia.

Cando fas a pregunta obvia, sobre se están adoutrinadas tendo o que teñen na casa, a resposta non pode ser máis contundente: “mamá, moi ben, pois se xa somos independentes, ponnos os debuxos”. Isto o día que o Parlament proclamou a DIU e ao chegar do cole atoparon unha canle na tele que, obviamente, non lles resultaba de grande interese. A árbore de nadal, iso si, decidiron que fora groc, a cor “maldita”, pero cunha argumentación tan de doctrina como: “papá ten un amigo que está na cadea e todos os amigos van de amarelo para animalo”. Punto e pelota.    

IMG-20171217-WA0026Non sofren nin padecen máis que outras nenas por dous motivos, porque non hai tal doutrina salvo a que marca o razonamento infantil, ás veces moito máis sinxelo e sabio que o dos adultos, e porque están afeitas a que o seu pai se adique a isto da “cousa pública”.

Sarriá de Ter

 

38 anos e case toda unha vida de alcalde da primeira cidade que, con conciencia independentista, decidiu recuperar a súa autonomía en 1983 a respecto de Girona, á que fora anexionada en 1975. Tiña catro anos cando aconteceu e non vén dunha familia activamente politizada, mais quen sabe se a orixe xeográfica marca. Ri e recoñece que a el si que lle picou dende sempre o verme deste mundiño, de feito, coquetea coa idea dun retiro dun tempo de vida slow, pero, ao instante, recoñece que até o momento non sabe o que é desconectar; cecais de facelo en serio, o mono superaría a paz dun idílico pobo sen wifi. Licenciado en C.C Políticas e Máster en Estudos Territoriais e Urbanísticos, no seu perfil de twitter, porén, prioriza o feito de ser pai; e nalgunha das reunións á que o acompañamos, recoñece como prioridade a necesaria concienciación feminista por parte de todos e de todas e dunha sociedade sen discriminación porque sabe que o vai vivir en carne propia, na das súas fillas. Encantado, iso si -malia a afeizón ao fútbol que as pequenas non comparten- de que as dúas sexan nenas; e de vir unha terceira, hoxe ten claro que lle gostaría repetir. Chico listo que sabe que elas son máis listas.

Recunca nas listas pola provincia, onde vai como número 2, o que lle outorgará outra vez acta de deputado, que compatibilizará de novo coa alcaldía. Algo que sorprende a respecto dos regulamentos doutros partidos, pero que pode ter certa lóxica, tal e como explica, "pois te aporta moitísimo máis traballo, obviamente, pero tamén a perspectiva de poder poñer realmente cara aos temas dos que falas. Non corres o risco da burbulla ou do illamento ao que pode levar ás veces só o debate parlamentar. Pisas terreno todos os días e cando defendes, por exemplo, unha iniciativa sobre a pobreza enerxética ou sobre os desafiuzamentos, estalo a facer coa “vantaxe” entre comiñas de pórlle o nome e apelido dalgún dos teus veciños ou veciñas".

Máis que un segundo da lista

 

A axenda do día comeza na sede de ERC en Girona. É o primeiro ponto de encontro da xornada cos seus e tamén con nós, con Sermos Galiza, que o eliximos como candidato para a típica crónica de Un día con elixímolo porque tivemos un frechazo. Foi totalmente casual, a noite da nosa aterraxe na campaña, dimos con el no debate electoral de TVE en CAT –ao que acudiu porque Marta Rovira estaba de regreso de Bruxelas- e, case máis como ojeadores que como xornalistas, dixemos: aquí non hai só o alcalde dun pobo e un candidato de provincias. No Partido, de feito, hai quen si preguntou por que estabamos alí, pero tamén hai quen respostou sen necesidade de ser nós os que tivésemos que argumentalo: “porque se deron de conta de que vai ser alguén con moita proxección”. De feito, dada a adicación especial que está a ter na campaña polas circunstancias da número 1, fixemos o contacto coa formación política sen moitas expectativas, mais non só aceptaron a proposta, senón que se volcaron profesional e humanamente sen ningún tipo de prexuízo ou minusvaloración por non sermos un medio realmente prioritario no plan de comunicación destas eleccións; e menos para encaixar unha peza xornalística deste tipo, que implica un pouco de confianza e un moito de tempo do que os candidatos nunca van sobrados.    

Así que da reunión da sede a encontros dos que non saen nos medios, con colectivos sociais e empresariais diversos, pero que son vitais non só para recabar apoios, senón porque hai que escoitar a todo o mundo, coñecer e recoller as demandas de quen vas representar e, sobre todo, facer moita pedagoxía. Pedagoxía tamén contra o medo, pois ter claro o voto non é sinónimo de non ter dúbidas ou pantasmas. "O 1 de Outubro foi realmente traumático", explicou tamén no mitin de Figueres, lembrando que dende aquela comezaron un "camiño de resistencia e construcción". Algo que puidemos comprobar durante o tempo que compartiu, entre o xantar e unha entrevista na Televisión de Girona, na carpa informativa de Esquerra. Dúas iaies que non dubidaron en pararse a saúdar e animar, malia que unha delas xa votara por correo Puigdemont. A outra si levou a papeleta de ERC, en calquera caso ambas coincidiron en dúas cousas: "hai que facer piña porque veñen a por nós e, unha pregunta, desta volta poderemos votar tranquilas, non volverá a vir a policía, verdade? Porque a outra vez, estabamos no colexio e pasamos tanto medo…"

Híspter 

 

“Sense les iaies no hi ha revolució”. Sentencia cun guiño o candidato, porque entre análise e análise da situación, off the records, e incluso inevitábel paralelismo e lembranzas da relación entre o BNG e Esquerra e cómo é o novo escenario do nacionalismo en Galiza, houbo algo de tempo para a “frivolidade”. Roger Torrent ten proxección porque o vale, o ten demostrado politicamente pero tamén porque é dese tipo de guapos que ás iaies lles encanta. Ah, e porque é hípster e semella que dun tempo a esta parte en Esquerra é un valor en alza. O día que o descubrimos, malia que o seu estilismo era máis formal, adecuado ao debate e ao medio, xa apuntaba maneras, que non todos os traxes de chaqueta nin todas as garavatas son iguais nin din o mesmo, e na xornada con Sermos non defraudou, por moito que as lapelas do abrigo quixesen simular un punto de informalidade e despreocupación que non coa. Unha outra crónica dos compañeiros de NacióDigital facían chiste cos estampados das súas camisas, así que a pregunta era inevitable. Quen se leva a palma, Rufián ou máis ti? Cun perfil así, non hai tentacións inconfésabeis de ser compañeiro de batallas no Congreso? 

IMG-20171217-WA0028

Escola Sorkin

 

A reposta? Mellor sempre falar do tempo e apoñer os galegos, claro, que fixera un frío da ostia e incluso amagara con orballar. Ética e estética, en dous palabras, dalguén que cre e gosta do que fai pero que, malia estar en escenario de Xogo de Tronos, literalmente falando, é máis de House of Cards, como espectador, e de A Ala Oeste da Casa Branca, como político e polítologo; e calquera que se adique a isto, sobre todo dunha determinada xeración, se vén da escola de Aaron Sorkin ten moito gañado e é garante do que dicía a Dolors, de ter boa letra. 

Amodiño e con boa letra é o consello, de feito, que se lle dá a alguén para que chegue onde se propuxo sen traizoarse nin se queimar. Se iso ocorre, só lle desexamos boa sorte e lle pedimos que lembre darlle a Sermos Galiza o seu primeiro titular. 

  

Fotografías (todas de R.R.)

1.-Roger Torrent, o primeiro pola direita, entre as e os candidatos de ERC ao remate do mitin de Figueres.

2.-Roger Torrent comenta a axenda do día co chefe de imprensa de ERC en Girona.

3.-Cartaz de Dolors Bassa e mercadotecnia de ERC.

4.-Torrent toma notas durante unha das múltiples reunións que realiza en campaña con distintos representantes do tecido social catalá.